Os encontros para desenvolvedores web e móbiles Betabeers Galicia chegan esta semana á súa XX edición, de xeito que os interesantes en afondar en Ansible e coñecer de primeira man un par de proxectos interesantes poden achegarse á sede de WeKCo na Avda. Novo Mesoiro da Coruña o vindeiro xoves de 20:00 a 21:30 horas, sendo preciso inscribirse previamente dada a limitación de prazas deste tipo de encontros.
A charla técnica de introdución a Ansible que centrará este Betabeers corre a cargo de Orestes, desenvolvedor con experiencia en proxectos internacionais para clientes como Orange ou Ikea, que afondará na nova ferramenta de System Configuration Management (semellante a Chef ou Puppet, pese agent-less) que resulta máis sinxela que a competencia, e que nun par de anos conseguiu un grande recoñecemento da comunidade. Durante o relatorio veranse casos de uso como o despregamento dunha aplicación nun servidor, xestión de credenciais, grupos de máquinas…
Sobre os proxectos que completarán a xornada podemos comentar que Carlos Loureda presentará Domesting, unha plataforma de selección de profesionais en función de diversos factores, desenvolvida con Yii, MariaDB e varias API de terceiros, que está presente actualmente en España e Reino Unido; e José Alonso dará conta de humm, servizo de streaming de música personalizado do que forma parte do equipo de desenvolvemento (repartido entre Londres e Santiago) e que ten como lema “music for the masses”.
Betabeers Galicia achegaranos a Ansible, Domesting e humm o dia 10
Compartir Este Artigo

