O ano pasado a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra celebrou o Día Mundial do Community Manager organizando o primeiro Social Media Day, que inicialmente fora unha sesión matinal con catro expertos galegos na comunicación dixital e as redes sociais, e tras a boa acollida do encontro, este ano quixeron ampliar a xornada con sesións de mañá e tarde, cun total de catro mesas temáticas que completaron un diverso programa que resulta así do interese tanto para estudantes como para interesados no uso profesional das redes sociais.
Esta xornada organizada polos docentes Xabier Rolán, Daniel Martí e Mónica Valderrama e o alumno Pedro Vázquez, que se encargaron de moderar cadansúa mesa temática, puido seguirse presencialmente na facultade pontevedresa, pero facilitándose o seu seguimento en liña a través do streaming de vídeo da televisión en liña da Universidade de Vigo, do programa de radio en liña El Escaparate que retransmitiu a través de Radio CampUSCulturae e, como non, a través das redes sociais co cancelo #CMDayFCSC, o que serviu para crear unha fluída conversa durante toda a xornada. A organización do encontro estima que os 1.369 chíos que publicaron 172 contribuidores co cancelo da xornada conseguiu chegar a unha audiencia de 172.719 usuarios, superando os 1,4 millóns de impresións.
Medios Dixital e redes sociais
Dous medios de comunicación con presenza en liña como son
Pontevedra Viva e Código Cero, ocuparon a primeira mesa da sesión matinal,
comezando Marcus Fernández, webmaster
de Código Cero, dando conta da historia da súa publicación, aderezando a
exposición coa evolución que paralelamente tivo a Internet galega e as redes
sociais, para ilustrar así a relación entre as plataformas sociais e os medios
de comunicación. Destacou como a conversa foi desprazándose dos medios ás redes
sociais, salientando o perigo que para os medios pode supor a perda do control
dos contidos, que cada vez recae máis en plataformas como Facebook.
Alejandro Espiño, de Pontevedra Viva, contou tamén a historia do seu medio,
deixando claro que Twitter e Facebook xogan hoxe un papel fundamental para
achegar ao público, xa que cando acontece algo os lectores recorren ás redes
sociais para ter información e é así como rematan chegando a Pontevedra Viva,
medio que, pese a ser meramente dixital, conseguiu ter unha forte implantación
local, o que facilitou a súa rendibilidade económica como un medio de
comunicación que pode considerarse todo un referente e que nas últimas semanas
conseguiu ter unha proxección impresionante grazas á información
sobre unha agresión ao presidente do Goberno español e a dar conta do achado
dunha mensaxe nunha botella que foi de Marín ao lugar máis remoto da Terra.
Tras as exposicións, os relatores deron conta do seu parecer a diferentes temas
expostos polo público, como a suposta crise de usuarios en Twitter ou o grande
pulo actual de YouTube.
Social Media e Turismo
Para comezar a falar sobre o impacto das redes sociais no
sector turístico, Marta Valcarce,
premio
MexilOnseTuis ao mellor blog gastronómico por Travi en la Cocina, deu conta dunha das faces do sector
hostaleiro, no que as redes sociais están a ter moito pulo, aínda que resulta
moi complicado debullar o gran, sendo cada vez máis necesaria a existencia de
espazos de calidade e confianza, o que contrasta coa dificultade de lanzar
proxectos gastronómicos locais.
Pola súa banda, Minia del Río
afondou no Camiño de Santiago, deixando claro que os peregrinos son viaxeiros
sociais, cada vez máis influenciados polas plataformas en liña, o que supón
todo un reto que actualmente non está a abordarse moi ben, polo que confía en
que proxectos que están a dar os seus primeiros pasos, como WayandGo! e o SmartCamiño
poidan aproveitar a oportunidade para sacar o mellor deste grande atractivo
turístico que supón o Camiño, e que incluso consegue manter un grande volume de
visitantes fóra dos anos xacobeos. Tamén amosou a súa preocupación ante o
impacto do turismo sociai.
Estratexia Dixital
No ámbito da empresa é moi necesario coidar actualmente a
relación co mundo a través das redes sociais, para o que comezou Iago Fernández realizando unha
introdución á necesidade do marketing,
collendo logo o relevo Laura
Vázquez, quen ilustrou aos presentes coa situación actual na que os
consumidores fan un grande uso de plataformas sociais dun xeito cada vez máis
natural, pasando así a converterse no que antes era o banco da vila no que a xente
conversaba de calquera cousa. Salientou a necesidade de converter este novo
escenario nunha oportunidade para as relacións públicas e instou ás marcas a
abrirse, crear contido relevante e coidar a súa imaxe con profesionalidade
(especialmente tendo en conta as cada vez máis frecuentes crises de
reputación).
Pola súa banda, José Alcañiz, insistiu
no feito de construír unha historia para poder crear unha imaxe de éxito na
Internet, que facilite ter unha identidade solvente e recoñecible, que poida
converter un elemento anecdótico na chave dun negocio produtivo.
Influencers
Para abordar o fenómeno dos influencers, este ano quixeron organizar unha mesa de usuarios de
Instagram que destacan tanto polo seu uso desta plataforma tan visual como do
enorme seguimento que teñen na mesma algúns deles. Introduciron neste fenómeno
o arquitecto Alberto Fontaíña,
que salientou, entre outras cousas, a importancia de ser recomendado pola
plataforma de Instagram á hora de gañar seareiros; mentres que Cristina Costa Acha falou
máis dos usos profesionais que poden darse destas plataformas, que teñen un
grande potencial para conseguir influencia.
Pero a estrela desta mesa foi sen dúbida o fotógrafo
Oliver Vegas, con máis de
400.000 seareiros en Instagram, e que explicou como unha mestura de sorte e
traballo constante poden conseguir que un traballo exposto na Rede poida captar
a suficiente atención para converte ao autor nun creador de influencias, o que
tamén leva consigo unha grande responsabilidade, de xeito que hai que facer
unha explotación contida, xa que a posición conseguida durante anos pode
desintegrase de usarse directamente para servir publicidade descarada. Vegas
insistiu en que “unha rede social é coma un Tamagotchi: se non o alimentas,
morre”.

