Segue a medrar a presenza de programación aberta entre as nosas empresas, por moitas e variadas razóns: moitas delas relacionadas coas posibilidades de colaboración que se abren co software libre, a súa accesibilidade tecnolóxica e económica, a súa marxe de adaptación a novas contornas e necesidades ou co importante labor de respaldo das nosas asociacións e empresas, entre outras “causas”. Segundo nos conta a axencia AMTEGA a través do seu Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), o uso de recursos informáticos abertos nas empresas galegas de 10 ou máis traballadores sitúase no 84,9%, por riba doutras Comunidades como Madrid, Catalunya ou Euskadi. No que atinxe ás nosas firmas informáticas o emprego de programas open source medrou en dous puntos respecto do ano anterior. Arestora a taxa é do 86,7%.
Estas e outras información figuran nos dous estudos sobre O uso de Software libre nas empresas e no sector TIC de Galicia. Ano 2015, publicados este 21 de maio polo dito Observatorio, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), dous informes inseridos nas actuacións de pulo á programación aberta que se establecen no Plan de Acción Software Libre anual que desenvolve o organismo que dirixe Mar Pereira.
Entre os puntos extra máis salientables das investigación, amais dos devanditos, figura o seguinte: en termos evolutivos o uso do software libre nas empresas informáticas galegas, aumentou 3,8 puntos nos computadores e 3,6 puntos nos servidores. Tamén se destaca que a taxa destas firmas con servidores sobre open source supera a porcentaxe das que empregan sistemas operativos privativos.
OSIMGA sinala que os programas libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas. De feito, no último ano incrementouse en 4,4 puntos o uso de sistemas operativos abertos nas grandes empresas galegas (dun 35,1% ao 39,5%), infórmase nas investigacións, nas que se engade que este indicador tamén sobe lixeiramente entre as microempresas galegas, chegando ata o 18,6% (1,4 puntos porcentuais máis que o ano anterior).
Tendo en conta estas e outros números, o software libre imponse como maioritario nas empresas informáticas galegas, cunha “diferenza substancial” no que atinxe ao ámbito dos programas de xestión de contidos web, onde o libre supera ao privativo en 16,7 puntos. Iso si, o privativo aínda segue a ser maioritario en eidos como a xestión de correo, os antivirus, os recursos de seguridade, a xestión empresarial ou a ofimática.
Nos estudos tamén se indica que das empresas informáticas galegas que se adican á venta de software, máis da metade (55,6%) ofertan produtos de software libre aos seus clientes, sobre todo relacionados con sistemas de xestión de bases de datos, servidores e sistemas de xestión de contidos web.
Respecto das razóns esgrimidas para non apostar pola programación aberta nas empresas que a desbotan, estas son as máis comúns: a “incompatibillidade cos sistemas e interlocutores actuais”, a “complexidade ou o risco do cambio” ou a “falta de formación”.
Porén, en relación aos puntos fortes, o que máis se valora é o seguinte: o custo, cun 79,9%, seguido xa, a distancia, da independencia do provedor (46,1%).
Nos informes tamén se di que máis da metade das empresas informáticas galegas apostan por unha tendencia positiva de uso do software libre no mercado, considerando que este aumentará e un 7,8% das empresas que na actualidade non comercializan con programas abertos, afirman que nos vindeiros dous anos ofrecerán algún tipo de produto deste tipo.
As ferramentas libres superan amplamente ás privativas nas firmas TIC galegas
Compartir Este Artigo
