Un ano máis Nintendo non fai unha conferencia en si mesmo durante o E3, senón que anuncia as súas novidades en forma de vídeo, reservando o espazo na feira para que os asistentes poidan vivir experiencias de primeira man. Este ano resultaba especialmente interesante, por ser o primeiro no que a Nintendo Switch está no mercado, e a compañía xaponesa non decepcionou presentando numeroso material que poderemos degustar nos vindeiros meses e entre os que non faltaron pequenas sorpresas.
Por unha banda temos un novo tráiler de Super Mario Odyssey, aventura en 3D de mundo aberto protagonizada por Mario, que volve así a un xénero que tiña abandonado dende hai 15 anos, e que incluso contou cunha versión de demostración en Los Ángeles, de xeito que os comentarios sobre este título non se fixeron esperar e parece que será o grande xogo para Nintendo Switch da campaña de Nadal, confirmándose que o 27 de outubro chegará ás tendas acompañado por tres figuras amiibo (Mario, a Princesa Peach e Bowser vestidos de voda).
O xogo convidaranos a visitar distintos reinos en 3D nos que recoller lúas que servirán de combustible para a aeronave de Mario, a Odyssey. Deste xeito percorreremos contornos nos que interactuar de xeitos moi diversos, poderemos vestir diferentes indumentarias e incluso contaremos con Cappy, un novo compañeiro que outorgará novos movementos. Un título francamente prometedor que demostrará a solvencia da Nintendo Switch como consola para grandes xogos e non só como unha Wii U con posibilidades portátiles.
A Nintendo Switch tamén contará con xogos como Mario + Rabbids Kingdom Battle (título anunciado por Ubisoft estes días), Pokkén Tournament DX (versión dun xogo de loita de Wii U que estará dispoñible o 22 de setembro) e EA Sports FIFA 18 (xogo de fútbol que verá a luz o 29 de setembro), que xa teñen datas de lanzamento fixadas, mentres que outros xogos como Xenoblade Chronicles 2, Rocket League e The Elder Scrolls V: Skyrim chegarán ao longo do inverno, Fire Emblem Warriors no outono e o novos xogos de Yoshi e Kirby chegarán durante 2018.
Os seareiros de Samus Aran tamén teñen boas novas, xa que adiantouse que Metroid II: Return of Samus, clásico de Game Boy lanzado en 1992, contará cunha versión para Nintendo 3DS titulada Metroid: Samus Returns, aínda que a grande sorpresa para moitos foi saber que estaba en preparación para Nintendo Switch Metroid Prime 4, xogo do que só se coñece o logotipo.
De Metroid: Samus Returns cómpre salientar que este xogo é froito da colaboración de Nintendo cun dos estudos españois máis reputados, MercurySteam. O xogo verá a luz o 15 de setembro, e inicialmente recompensarase aos compradores cun código de descarga para facerse co xogo orixinal de Game Boy na Nintendo eShop.
Sobre títulos xa lanzados, anunciouse que The Legend of Zelda: Breath of the Wild contará cun par de paquetes con contido descargable que poderán mercarse de xeito conxunto por 19,99 euros e que chegarán o 30 de xuño e durante o vindeiro inverno respectivamente.
Nintendo adianta boa parte do calendario de lanzamentos para Nintendo Switch
Compartir Este Artigo
