Hoxe bota a andar unha nova oferta comercial de R, anunciada pola compañía salientando o incremento de datos no móbil (entre 1 e 4 GB) e con servizos adicionais como Internet comigo (que consiste en bonos de datos adicionais para as vacacións que poden gozarse durante 15 días ata 2 veces ao ano), o que tamén supón unha reformulación de prezos, de xeito que aos clientes actuais dáselles un mes para poder comprobar cal é a tarifa que máis se axusta ás súas necesidades, pois os combos antigos pasarán a descatalogarse.
No caso de que os clientes non comuniquen o contrario, o cambio de combo farase de xeito automático ao máis próximo ao actual, o que normalmente supón incrementos da cota mensual, o que está a provocar a indignación de moitos consumidores, que nos últimos anos experimentaron tantos cambios de tarifas e incrementos de prezo que están claramente molestos. De feito, tras comunicarse o cambio de tarifas durante a xornada de onte o servizo de atención ao cliente de R veuse completamente sobrepasado, sendo incapaz de atender as chamadas recibidas, mostra máis da falta de previsión do operador (que cometeu a imprudencia de comunicar os cambios no servizo a todos os seus clientes de xeito simultáneo en vez de comunicar con eles progresivamente) como están a denunciar publicamente dende a Unión de Consumidores de Galicia.
Novas tarifas móbiles
As tarifas móbiles de R experimentan un cambio substancial, con incrementos de prezo a cambio de maior volume de datos, pero sen manter opcións que permitan aforrar cartos gozando de menos datos, aínda que a suba por liña é de 1-3 euros de xeito que non faltarán consumidores aos que compensaralles o incrementos de prezo (xa que os bonos de datos adicionais custaban 2 euros por cada 200 MB), incorporándose ao cadro de tarifas unha nova á que non migrará ningunha das anteriores de xeito automático, a plana 200 8GB, que por 25 euros/mes ofrece 200 minutos de voz e 8 GB de datos.
O novo cadro de tarifas parte dunha Tarifa 0 2 GB por 10 euros/mes con chamadas a 0 céntimos minuto, á que segue a Tarifa 200 3GB (17 euros/mes) con 200 minutos e as tarifas con chamadas ilimitadas plana 3GB (20 euros/mes), plana 5GB (25 euros/mes) e plana 10GB (35 euros/mes).
Nova oferta televisiva
Os paquetes de televisión de R tamén vense modificados, ofrecendo agora 3 paquetes principais (tv ocio, tv festa e tv festa rachada) que nos dous primeiros poden completarse con dúas opcións (nenos e cine).
A opción máis sinxela, tv ocio, ofrece as canles de series máis importantes e unha canle de cine por 8 euros/mes (sobre os prezos dos combos antena), mentres que o paquete tv festa non só ampliará as canles de series e engadiralles documentais, música e deporte por 18 euros/mes. Por 5 euros adicionais podería engadírselle a estas tarifas unha opción nenos (con Disney Junior, Disney XD, Nickelodeon e Canal Panda) e/ou por 12 euros a opción cine (con Movistar Estrenos, Sundance TV, Dark, XTRM, Canal Hollywood e Somos).
Os usuarios que fagan un maior consumo televisivo probablemente estean máis conformes contratando directamente o paquete tv festa rachada, que por 27 euros/mes achega unha completa oferta de canles telesivas.
