A Cátedra Denodo-UDC premiará os mellores traballos en informática aplicada á empresa

luns, 30 de marzo do 2026 S. P.

A Universidade da Coruña abriu a convocatoria dos Premios Paula Montoto Castelao 2025-2026, impulsados pola Cátedra Denodo – UDC de Enxeñería de Datos, Intelixencia Artificial e Innovación Tecnolóxica. Estes galardóns buscan recoñecer os mellores Traballos de Fin de Grao e de Máster en áreas como Enxeñería Informática, Ciencia de Datos, Intelixencia Artificial e disciplinas afíns.
A Cátedra Denodo–UDC, xestionada a través da Fundación CITIC de Galicia, distinguirá traballos “que destaquen pola súa excelencia académica, innovación tecnolóxica e aplicabilidade na contorna empresarial, contribuíndo ao avance científico, tecnolóxico e profesional”.
Nas bases explícase que poderán participar estudantes que defendesen o seu TFG ou TFM durante o curso académico 2025/2026 e que obtivesen unha cualificación mínima de notable.
Os traballos serán avaliados en función de criterios como a orixinalidade, a calidade técnica e metodolóxica, a súa capacidade de transferencia ao ámbito empresarial e a súa contribución á transformación dixital ou ao desenvolvemento sostible.
A convocatoria establece tres premios cunha dotación económica de 5.000 euros para o primeiro, 3.000 euros para o segundo e 2.000 euros para o terceiro. A comisión avaliadora estará integrada por representantes académicos da UDC e profesionais de Denodo.
As candidaturas deberán presentarse en formato dixital, incluíndo a memoria do traballo, un resumo executivo e a acreditación do seu defensa e cualificación. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 1 de outubro de 2026.
Os Premios Paula Montoto Castelao nacen como homenaxe a quen foi docente da UDC e figura clave en Denodo, recoñecendo non só a súa contribución ao desenvolvemento tecnolóxico, senón tamén o seu papel como mentora de numerosas xeracións de profesionais do sector.