A Coruña quere migrar os seus servizos ao software libre

xoves, 26 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña quere migrar servizos municipais ao software libre. Así o vén de certificar o alcalde, Xulio Ferreiro, durante a sinatura dun acordo (este mércores) de colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, AGASOL. En palabras de Ferreiro, o acordo diríxese a “realizar actuacións de capacitación e promoción do software libre e de fontes abertas e o uso de estándares abertos”. A maiores, servirá para preparar o terreo para o abandono dos programas privativos e as licenzas pechadas.
No acto tamén estivo presente a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, quen lembrou que o acordo contempla unha subvención de 39.000 euros en favor de AGASOL (como “entidade que realiza unha actividade de interese xeral para o conxunto da comunidade”) e que o Goberno local asume esta aposta polos estándares abertos como “peza clave para facilitar o acceso á Sociedade da Información en condicións de igualdade, contribuíndo tamén a un mellor desenvolvemento da industria TIC a nivel local”.
Co devandito, fixo alusión ás vantaxes do software libre como acicate do desenvolvemento empresarial galego, en contraposición ás grandes multinacionais e as súas tradicionalmente pechadas licenzas. A concelleira salientou o compromiso coruñés a prol do coñecemento aberto como elemento fundamental para “poñer a disposición da veciñanza ferramentas que non son unicamente máis transparentes e accesíbeis para a cidadanía senón que ademais poden ser modificadas e melloradas por parte desa mesma cidadanía". Igualmente fixo mención do factor “abaratamento de custes”, xa que por sistema tirar proveito de software libre é máis económico para as arcas públicas que apostar por software privativo (principalmente debido ao pagamento das licenzas, pago que adoita repetirse cada pouco).
Por último tamén se fixo saber que a colaboración do Concello con AGASOL vai orientada, segundo se recolle no convenio, “a facilitar a sustentabilidade tecnolóxica e o incremento da produtividade, aproveitando as vantaxes do software libre e garantindo a interoperabilidade mediante o uso de estándares abertos”.

PUBLICIDADE