A LaconNetwork celebrará o seu 7º aniversario cunha gala o 3 de febreiro

mércores, 25 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Os encontros gastronómicos mensuais dos albaneis da nube, a LaconNetwork, inicia o ano celebrando o seu sétimo aniversario, polo que decidiron que a súa vindeira edición sexa especial, de xeito que, en vez de ter lugar o último venres do mes, adíase até o venres 3 de febreiro, citándose os participantes no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
A gala de aniversario da LaconNetwork incluirá mesas de debate, unha charla maxistral, a entrega da segunda edición dos Premios LaconNetwork e o tradicional xantar networking que caracteriza a esta serie de encontros que aproveita unha cita gastronómica para fomentar a relación entre profesionais e emprendedores do sector TIC galego.
A charla maxistral do encontro correrá a cargo de Iñaki Arrola, director xeral de coches.com e co fundador de Vitamina K (fondo de capital risco que inviste en empresas de base tecnolóxica e Internet nas súas fases iniciais) quen explicará as iniciativas de éxito nas que participou.
A primeira mesa de debate desta edición de aniversario da LaconNetwork abordará un tema moi interesante: é dabondo o ecosistema de emprendemento galego ou resulta máis axeitado saír de Galicia para emprender? Para tratar o tema estará Yaiza Canosa, directora xeral e co fundadora de GOI, o chamado BlaBlaCar da paquetería; Luís Taboada, director xeral de Qbitia, unha compañía do sector fintech iniciada en 2010, cando tal termo aínda non gozaba da popularidade actual; e Manuel Noya, director xeral de Linknovate, unha discovery engine; estes emprendedores galegos estarán conducidos pola delegada en Galicia do diario Expansión, Abeta Chas.
Continuará o evento cunha mesa sobre investimento e os proxectos emprendedores, na que polo momento está confirmada a participación de Elisabeth Martínez, directora fundadora en Conector Startup Accelerator, e Daniel Romy, director de investimentos en Media Digital Ventures; a moderación do debate recaerá no xefe da sección de Economía de La Voz de Galicia, Rubén Santamarta.
A celebración do sétimo aniversario da LaconNetwork contará tamén cunha entrega de premios coa que procurarase dar visibilidade a diferentes axentes que apoian ao emprendemento, e divídense en catro categorías (Iniciativa, Evanxelizador, Empresa Impulsora e Angel Inversor) para os que en breve abrirase un prazo de votación popular para decidir entre un grupo de finalistas en cada categoría.
Os interesados en participar nesta nova edición da LaconNetwork deberán inscribirse previamente e abonar 25 euros para sufragar os gastos do xantar.

PUBLICIDADE