A Nintendo Switch 2 dá un salto de calidade e de prezo

mércores, 2 de abril do 2025 Marcus Fernández

Esta tarde tivo lugar o Nintendo Direct no que se deron a coñecer os moitos detalles da futura consola Nintendo Switch 2 e os xogos que terá nos seus primeiros meses, confirmándose que estamos ante unha evolución da anterior Nintendo Switch a todos os efectos, polo que é de esperar que se converta en todo un éxito comercial.
A Nintendo Switch 2 chega agora cunha pantalla de maior tamaño (7,9 polgadas) e resolución (Full HD) con soporte de HDR e capaz de presentar até 120 imaxes por segundo, polo que estamos ante unha máquina que busca ofrecer unha experiencia moito máis avanzada. Pode conectarse a través dunha base ao televisor, o que permitirá gozar dalgúns títulos ante en 4K con HDR, aínda que para o seu uso en modo sobremesa tamén mellora ao contar cunha peaña moito máis resistente e con varios niveis de inclinación (até 150 graos).
Para facilitar a súa carga durante as partidas, aparte do seu porto de carga USB-C inferior, tamén conta cun porto USB-C superior. E os Joy-Con tamén evolucionaron para ter agora un sistema de suxeición magnético e poder empregarse tamén a xeito de rato informático.
Outra novidade curiosa é a estrea dun botón cunha letra C que serve para abrir o GameChat, un sistema de conversa de voz e vídeo en liña, aínda que para gozar do vídeo é preciso adquirir unha cámara externa que se vende a un prezo de 59,99 euros.
Como accesorios tamén é posible adquirir o xa tradicional Mando Pro (que desta volta ten un prezo de 89,99 euros) ou un mando de Nintendo GameCube (que custará 69,99 euros). Tamén será posible ampliar os 256 GB de almacenamento interno da consola con tarxetas microSD Express, que nas súas versións de 256 GB de capacidade terán un prezo de 59,99 euros.
O tema dos prezos tamén está a ser moi discutido, xa que a Nintendo Switch orixinal saíu á venda en 2017 a un prezo de 329,99 euros, e a Nintendo Switch 2 custará 469,99 euros solta e 509,99 euros co xogo Mario Kart World incluído. As consolas chegarán ás tendas o 5 de xuño, pero será posible reservalas a partir do 8 de abril.
Os prezos dos xogos son a peor nova da xornada, xa que o mencionado Mario Kart World terá un prezo de 79,99 euros en formato descargable e 89,99 euros en formato físico, mentres que Donkey Kong Bananza custará 69,99 euros en formato descargable e 79,99 euros en formato físico, o que supón unha suba de prezo en físico duns 20 euros, o que preocupa moito aos xogadores, xa que pode desencadear unha suba de prezos en todas as plataformas de videoxogos pola tracción que ten Nintendo.
Aínda que Nintendo non é moi dada a publicar información técnica sobre as capacidades das súas máquinas, nesta ocasión queda claro que estamos ante unha máquina moito máis potente que a súa antecesora polo catálogo de xogos que presentaron, como Street Fighter 6, Cyberpunk 2077: Ultimate Edition (un dos xogos máis esixentes da pasada xeración de consolas, con serios problemas para funcionar en PS4), Final Fantasy VII Remake, Split Fiction, Hogwarts Legacy, Elden Ring: Tarnished Edition e moitos outros. É importante sinalar que tamén funcionarán os vellos xogos de Nintendo Switch, e que algúns títulos contarán cunha versión mellorada para Switch 2, como é o caso de Super Mario Party Jamboree, The Legend of Zelda: Breath of the Wild, The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom e Metroid Prime 4: Beyond (coa posibilidade de adquirir un paquete de mellora se xa contamos co xogo de Switch orixinal). Pero dentro dos xogos anunciados hoxe que non son da propia Nintendo os máis importantes son, sen lugar a dúbidas, os deportivos, xa que confirman que EA Sports FC terá versión para Nintendo Switch 2, polo que a consola da compañía nipoa non quedará fóra da experiencia futbolística que buscan moitos xogadores cada ano. 2K tamén levará a Switch 2 os seus xogos de baloncesto e loita libre.
Polo que se puido ver hoxe, a Nintendo Switch 2 vai ter un 2025 cheo de lanzamentos interesantes, de xeito que chegará á campaña de Nadal como unha consola forte, que como principal incógnita ten como será a aceptación do público ante as novas políticas de prezo.
De cara ás reservas, Nintendo quere evitar os problemas de abastecemento da Switch orixinal, e vai permitir que os usuarios máis fieis teñan prioridade para a realización de reservas, aínda que algunhas tendas tradicionais (GAME, Fnac...) xa se adiantan e ofrecen dende hoxe a posibilidade de reservar un dos modelos da nova Nintendo Switch 2, para poder garantir o facerse cunha unidade cando chegue o 5 de xuño sen ter que recorrer ao sistema de reparto de convites da propia Nintendo.

Vídeo promocional da Nintendo Switch 2