A Nintendo Switch anticípase á piratería

venres, 25 de maio do 2018 Marcus Fernández

A Nintendo Switch está a converterse en todo un éxito de vendas, non só de hardware, senón tamén de xogos, como veñen de demostrar no Xapón, onde a consola vendeu xa máis de 11 millóns de xogos en formato físico, o que é un logro máis que notable, xa que no país asiático venderon algo máis de 4 millóns de consolas, de xeito que a relación consola/xogos é moi elevada, demostrando que a Switch goza co favor do público e dos desenvolvedores.
Actualmente no Xapón véndense entre 80 e 110 mil xogos para Nintendo Switch á semana, converténdose na plataforma líder na actualidade, pese a ter un catálogo de xogos moi inferior a outras plataformas consolidadas como PlayStation 4 ou incluso Nintendo 3DS.

Freo á piratería

Hai algo máis dun mes xurdiron métodos para conseguir aproveitar un fallo de seguridade dos procesadores nVIDIA Tegra X1 que permitían modificar a Nintendo Switch para poder correr software non oficial, como emuladores de consolas anteriores, dando por iniciada un xogo do gato e o rato con Nintendo, que comeza a ter consecuencias, e xa hai usuarios que avisan de que, ao ter a súa consola modificada, xa non poden gozar do xogo en liña. Deste xeito Nintendo seguiría os pasos doutras compañía ao pór cancelas ás consolas modificadas, tanto para disuadir aos usuarios de hackear os seus equipos (evitando unha futura piratería) como para manter a integridade das plataformas en liña (xa que as consolas modificadas tamén poderían ter consecuencias moi negativas, ao facilitar facer trampas en competicións en liña).
Polo momento as consolas vetadas por Nintendo continúan podendo recibir actualizacións de software, pero non poden mercar xogos en dixital nin interactuar coa comunidade de usuarios, confirmando unha vez máis que a piratería é cada vez máis marxinal, xa que as plataformas de xogo en liña poden estar en constante actualización para evitar o seu uso irregular.

PUBLICIDADE