A PlayStation 4 podería permitir gozar de xogos de PS3 mediante streaming

luns, 18 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Imaxe do que podería ser o futuro mando da PS4

O evento programado por Sony entre a noite do mércores e o xoves, no que a todas luces presentará a consola doméstica que sucederá á PlayStation 3, está a disparar as informacións sobre a futura consola de videoxogos, que van dende a filtración de imaxes do que podería ser o seu mando de xogo ata especificacións e características que sería chave para que a PlayStation 4 marcase as pautas da nova xeración de consolas de videoxogo.
Un dos medios que está a facerse eco de boa parte da información que circula pola Rede é o The Wall Street Journal, que asegura que Sony vai aproveitar a tecnoloxía de Gaikai, compañía que mercaron o ano pasado por 380 millóns de dólares, para permitir que a nova consola poida gozar de xogos mediante streaming, o que aproveitarían para permitir gozar de xogos de consolas anteriores (mentres que os xogos da súa xeración chegarían en discos ópticos). A nova PlayStation tamén contará cunha cámara de maior resolución para poder levar a tecnoloxía PS Move un paso máis adiante.
O mesmo xornal tamén destaca que a tecnoloxía de Gaikai non só axudaría a poder gozar de xogos de PS3 na PS4, senón que tamén tería outras implicacións, como a posibilidade de achegar os xogos a smartphones e televisores, podendo gozar dende os mesmos do nivel gráfico dunha consola de videoxogos doméstica, e aproximándose moito á desaparición das consolas de videoxogos como tal, de xeito que o usuario tería pantalla e controlador, pero o núcleo da máquina estaría na nube.
No que ao prezo da futura consola se refire, dende The Times atrévense a asegurar que a nova consola será de saída máis barata que a súa predecesora, chegando a fixar o prezo de lanzamento en 300 libras (347,60 euros), o que sería unhas 100 libras por debaixo do prezo ao que chegou ao Reino Unido a PS3.

PUBLICIDADE