A Steam Deck lanzarase oficialmente o 25 de febreiro

mércores, 26 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

O pasado verán Valve presentou unha consola portátil para xogos de PC, a Steam Deck, que cun formato semellante ao da Nintendo Switch quería gañar o corazón dos xogadores de ordenador persoal, pero a falta de subministros que está a experimentarse a nivel mundial provocou a que o produto adiase o seu lanzamento até o vindeiro mes de febreiro, e agora xa sabemos a data exacta do seu lanzamento: o 25 de febreiro.
O lanzamento da Steam Deck será bastante curioso, xa que o 25 de febreiro os usuarios que realizasen unha reserva recibirán un correo electrónico para poder completar o seu pedido e, no caso de non facelo en 72 horas, cederase o seu posto á seguinte persoa na cola. Os envíos das primeiras unidades da consola realizaranse a partir do día 28, pero a partir do día 25 xa poderemos ver numerosas reseñas da máquina na prensa especializada, xa que en tal data levantarase o embargo imposto aos medios que estes días recibirán unidades da Steam Deck para poder analizala en profundidade.

PUBLICIDADE