A USC acolle o 13 de marzo o II Encontro Luso-Galego de PLN
xoves, 5 de marzo do 2026
O vindeiro 13 de marzo de 2026 a Universidade de Santiago de Compostela acollerá o II Encontro Luso-Galego de Procesamento da Linguaxe Natural (PLN), impulsado polo Proxecto Nós (impulsado pola Secretaría Xeral de Lingua e materializado pola USC) no marco da iniciativa ALIA do Goberno de España.
Tras a primeira edición celebrada no Porto en 2024, o encontro consolídase como “un espazo estratéxico de cooperación entre Galicia e Portugal en Intelixencia Artificial aplicada á lingua”, co obxectivo de “reforzar o desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas para o galego e o portugués e posicionar a faixa atlántica como un polo de excelencia en IA”, explicaron dende o Proxecto Nós.
O programa inclúe conferencias, sesións técnicas e mesas redondas sobre modelos de linguaxe adaptados ao galego-portugués, tecnoloxías da fala, transfer learning e aplicacións na industria, administración pública, educación e cultura. Participarán representantes das universidades de Santiago, Porto, Évora, Coímbra e Beira, así como empresas e startups de ambos países.
Celebrarase o 13 de marzo en horario de 9:00 h a 18:30 h, no centro CiEDIUS situado no parque de Vista Alegre, en Santiago.

