A XXX Noite Galega das Telecomunicacións recoñecerá a referentes do sector TIC, sanitario e da defensa
martes, 26 de maio do 2026
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) celebrarán o vindeiro 29 de maio no Museo de La Voz de Galicia a XXX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Nesta edición, que coincide co trixésimo aniversario do evento, o lema escollido é Defensa invisible, unha temática que pretende poñer en valor o papel esencial (e moitas veces descoñecido) que desempeñan as telecomunicacións na defensa e seguridade dun país.
Para explicar os porqués deste fío temático, dende o COETG-AETG lembran que “as telecomunicacións están presentes en ámbitos estratéxicos como os sistemas de detección e vixilancia, as comunicacións seguras, os sistemas non tripulados e as conexións vía satélite”. Ademais, recordan, “son fundamentais na protección das infraestruturas críticas e na prevención de ciberataques, para garantir a coordinación, a resposta e a seguridade da sociedade nun contexto global cada vez máis complexo”.
O COETG-AETG anunciou tamén os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2026, que recoñecen a excelencia profesional, a innovación e a contribución social da enxeñaría de telecomunicación.
O Premio Enxeñeiro do Ano 2026 será para Miguel Santos Fernández, director de tecnoloxía (CTO) de MasOrange, en recoñecemento “á súa destacada traxectoria profesional e ao seu papel clave no desenvolvemento das infraestruturas e servizos de conectividade en España”.
O Premio Socio de Honra 2026 recaerá na Delegación de Defensa en Galicia, recollendo esta distinción o Delegado de Defensa e Capitán de Navío, Jesús Ángel Paz Pena, en recoñecemento “á contribución da institución ao fortalecemento da seguridade e da estabilidade”, así como “ao seu compromiso coa cooperación institucional e o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito da defensa”.
Pola súa banda, o Premio AMTEGA ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2026 será para o servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), polo “seu proxecto UMAX de rastrexabilidade física e asistencial, unha iniciativa innovadora que aplica tecnoloxías avanzadas de comunicación e xestión de datos para mellorar a atención sanitaria”. Os responsables do proxecto son Lino Carrajo García, xefe de servizo de Informática, María de la Cámara Gómez, xefa de sección de Urxencias e José Manuel Fandiño Orgeira, coordinador deste servizo.
Ademais, entregarase o Premio ao Mellor Expediente Académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que nesta edición corresponde a David Fernández Iglesias, recoñecendo así o talento emerxente da profesión.
Con esta 30 edición, a Noite Galega das Telecomunicacións reafirma o seu papel como “principal punto de encontro do ecosistema tecnolóxico galego” e como “espazo de recoñecemento ao talento, á innovación e ao compromiso coa sociedade”, explican dende o COETG-AETG.
