A astrofísica do ESAC, Isabel Rebollido, falou no CITIC sobre a procura de vida no universo

luns, 17 de xuño do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu o pasado mércores 12 de xuño o ciclo Fronteiras, dende a orixe do universo ata a exploración espacial. Interviñeron Benjamín Montesinos Comino, do Centro de Astrobiología (CAB), CSIC-INTA e presidente da Sociedad Española de Astronomía (SEA), e Isabel Rebollido Vázquez, da Axencia Europea do Espazo (ESAC), quen tratou a procura de vida máis aló do sistema solar e os retos futuros nesta área. Tamén falou Ester Lázaro, tamén do Centro de Astrobiología (CAB), CSIC-INTA, que analizou as bases da vida dende unha óptica astrobiolóxica.
A sesión centrouse na procura de vida no universo e a posibilidade de vivir fóra do noso planeta e contou coa participación do subdirector do CITIC, Javier Pereira; e as coordinadoras do ciclo: a catedrática de Astronomía e Astrofísica da Universidade da Coruña Minia Manteiga, académica e secretaria da RAGC; e a catedrática de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo Ana Ulla.
A sesión comezou coa intervención de Benjamín Montesinos, presidente da Sociedade Española de Astronomía. Montesinos profundou nas características dos sistemas planetarios descubertos ata o de agora e as súas perspectivas futuras. “Ata 1995 non coñeciamos a existencia de ningún sistema planetario a parte do noso sistema solar. Non había ningunha razón para dubidar da existencia de planetas extrasolares ou exoplanetas (planetas orbitando ao redor doutras estrelas similares ao noso Sol), pero, a pesar de que os métodos para descubrilos estaban xa desenvolvidos, tardouse en aplicalos a este eido de investigación”, explicou o experto.
A continuación, a astrofísica galega Isabel Rebollido, actualmente traballando no Centro Europeo de Astronomía Espacial (ESAC) en Madrid, presentou a súa investigación sobre os discos de escombro, elementos clave para entender a capacidade dos sistemas planetarios para albergar vida. “A procura de vida máis aló do noso planeta é unha cuestión que a humanidade tentou resolver desde os seus inicios. Grazas aos recentes avances tecnolóxicos, estas preguntas filosóficas convertéronse en investigacións científicas tanxibles”, destacou Rebollido.
Finalmente, Ester Lázaro, investigadora do Centro de Astrobiología do CSIC, abordou as bases da vida fóra do noso planeta desde unha perspectiva astrobiológica. Segundo Lázaro, “entre as grandes preguntas que se formulou o ser humano ao longo da súa historia atópanse algunhas como cal é a orixe da vida na Terra?, pode xurdir a vida noutros corpos do universo? ou como serían os moradores deses afastados lugares?”
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a levar a cabo este ciclo de conferencias que comezou o luns 10 e finaliza esta tarde na Casa das Ciencias da Coruña.

PUBLICIDADE