A bisagra do Motorola Razr podería fallar antes dun ano de uso

venres, 7 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A resistencia dos móbiles flexibles é a principal preocupación dos consumidores ante a posible compra dun destes dispositivos, e aínda que Samsung parece ter feito un bo traballo co seu Galaxy Fold (que nunha proba independente superou os 120.000 encartados), do Motorola Razr non podemos dicir o mesmo, e non só recibiu críticas dende que chegou ás mans dos primeiros consumidores (que notaban que a súa bisagra facía un ruído un tanto molesto que daba a sensación de non ter unha fabricación á altura do seu elevado prezo) senón que fracasou estrepitosamente na proba de resistencia que o someteron dende Cnet, publicación que confiaba en que o móbil conseguise superar os 100.000 encartados, pero veu como tras 27.000 encartados o teléfono fallou.
O Motorola Razr non deixou de funcionar como smartphone tras a proba, pero a súa bisagra xa non permitía un encartado correcto e a pantalla presentaba marcas moi visibles, o que non parece aceptable para un dispositivo á venda por 1.599 euros, xa que ante un uso ordinario tería unha vida estimada de entre 6 meses e 1 ano, o que podería converter a este dispositivo en todo un pesadelo para Motorola, xa que presentaría unha avaría gravísima antes do remate da súa garantía.

Vídeo no que podemos ver a proba de resistencia á que someteron ao Motorola Razr

PUBLICIDADE