A familia de smartphones Xiaomi 17 convértese en referente da súa gama

xoves, 25 de setembro do 2025 Redacción

Xiaomi celebrou no Centro Nacional de Convencións de Pequín o seu evento anual de referencia, no que Lei Jun protagonizou a sexta edición do seu discurso principal, titulado este ano Change. O fundador da compañía chinesa insistiu na estratexia de integración do ecosistema Human x Car x Home e presentou a nova serie Xiaomi 17, as tabletas Xiaomi Pad 8 e unha fornada de electrodomésticos intelixentes.
A familia Xiaomi 17 está composta por tres modelos (Xiaomi 17, Xiaomi 17 Pro e Xiaomi 17 Pro Max) que buscan combinar deseño compacto, melloras en autonomía e unha experiencia fotográfica reforzada coa colaboración de Leica, aínda que o detalle máis importante desta liña de móbiles é que estrean o Snapdragon 8 Elite Gen 5, a plataforma móbil máis avanzada de Qualcomm ata a data, presentada onte mesmo, que mellora tanto a potencia de procesamento como a eficiencia enerxética e inclúe novas capacidades gráficas e de intelixencia artificial integradas.
Este chip, que se fabrica en 3 nanómetros, está chamado a marcar unha referencia no mercado de gama alta. Permite mellores taxas de refresco en pantalla, maior velocidade na edición de foto e vídeo, soporte para xogos de última xeración con trazado de raios e un rendemento sostido incluso en sesións prolongadas. Ademais, grazas ao novo motor Hexagon AI, a serie 17 integra funcións de aprendizaxe automática en tempo real para fotografía computacional, recoñecemento de voz e xestión do consumo.
O modelo base, o Xiaomi 17, ofrece unha pantalla de 6,3 polgadas cunha relación de aspecto 19,6:9 e un acabado minimalista sen orificios visibles. Grazas á tecnoloxía de empaquetado LIPO, os marcos redúcense ata 1,18 mm, cun brillo máximo de 3500 nits que garante visibilidade en exteriores. A compañía tamén introduciu o novo panel M10 e o material SuperRED, pensado para mellorar a eficiencia luminosa e reducir o consumo.
No apartado fotográfico, equipa o sistema Leica Summilux cun sensor de 50 Mpíxeles Light Fusion 950, apertura f/1.67 e estabilización óptica, acompañado dun teleobxectivo flotante de 60 mm con enfoque próximo de só 10 centímetros. Outro dos seus puntos fortes é a batería: con 7.000 mAh e tecnoloxía propia Xiaomi Surge, sitúase como a de maior capacidade nun móbil compacto desta gama, admitindo carga rápida de 100 watts por cable e 50 watts sen fíos.
Os Xiaomi 17 Pro e Xiaomi 17 Pro Max supoñen un salto máis aló tanto en deseño como en capacidades técnicas. O primeiro equipa unha pantalla principal de 6,3 polgadas, mentres que o segundo amplía a diagonal ata 6,9 polgadas. En ambos os casos, a súa principal novidade é a Dynamic Back Display, unha segunda pantalla situada na parte traseira que pode amosar notificacións en tempo real, widgets personalizados, fondos animados xerados con intelixencia artificial ou mesmo unha mascota virtual chamada Pangda que responde a xestos do usuario. Esta pantalla secundaria tamén permite facer autorretratos coa cámara principal e funciona como monitor auxiliar en modo consola portátil, grazas a unha funda con conectividade Bluetooth.
As pantallas principais destes modelos incorporan o mesmo panel M10 e o material SuperRED, pero con melloras significativas en eficiencia enerxética. O Pro Max engade a tecnoloxía de matriz de píxel independente, que ofrece maior nitidez e menor consumo que os paneis 2K convencionais. Ademais, conta co novo cristal Xiaomi Shield Glass 3.0, deseñado para aumentar a resistencia fronte a golpes e arañazos.
No terreo da imaxe, ambos os modelos manteñen o sistema Leica Summilux pero engaden a tecnoloxía LOFIC (Low Noise Floating Image Capture), que amplía o rango dinámico ata 16,5 EV. O Xiaomi 17 Pro incorpora unha telemacro de 20 cm, mentres que o Pro Max aposta por un zoom periscópico de 5 aumentos con sensor de 1/2 polgada e prisma optimizado que incrementa a captación de luz nun 30 %.
As baterías tamén reflicten o esforzo en miniaturización: 6.300 mAh no Pro e 7.500 mAh no Pro Max, ambas cun deseño empillado en forma de L e alta densidade de silicio. Todos os modelos soportan carga rápida de 100 watts, carga sen fíos de 50 watts e protocolo universal PPS, ademais de integrar funcionalidades como chave dixital UWB para automóbiles.
O prezo arrinca nos 4.499 iuans (541 euros) para o Xiaomi 17, 4.999 iuans (601 euros) no caso do Xiaomi 17 Pro e 5.999 iuans (722 euros) para o Xiaomi 17 Pro Max, con distintas configuracións de memoria que chegan ata 1 TB de almacenamento. A serie chegará ás tendas oficiais e á web de Xiaomi en China o 27 de setembro, e nos vindeiros días coñeceremos a data de lanzamento e os prezos en Europa dos novos móbiles insignia de Xiaomi, que poderían ser os máis avanzados do mercado ata primeiros de 2026.