A feira IFA de Berlín cancela a edición deste ano ante a incerteza da situación sanitaria

xoves, 20 de maio do 2021 Marcus Fernández

JPEG - 175.8 KB
A edición de 2021 da feira IFA tiña previsto celebrarse a primeiros de setembro en Berlín

O calendario de feiras tecnolóxicas internacionais continúa a estar revolto, e ao igual que o ano pasado frustráronse as pretensións da feira IFA de Berlín de ser o primeiro evento tecnolóxico presencial posconfinamento, este ano acontece o mesmo e, pese a que a feira estaba prevista para primeiros de setembro, a organización considera que que non sería segura a súa celebración das as moitas incertezas sobre a situación sanitaria a nivel global.
A aparición de numerosas variantes da COVID-19 e os diferentes ritmos de vacinacións a nivel mundial fai que non consideren axeitado celebrar un evento presencial en setembro con participantes de todo o mundo, e que prefira cancelar a edición de 2021 para volver con forza e seguridade en 2022.
Tamén cómpre salientar que parte das instalacións que acollen habitualmente a feira IFA fan tamén de centro de vacinación e instalacións hospitalarias de campaña, usos que poderían ter que manterse nos vindeiros meses.
O anuncio desta cancelación deixa nunha posición moi mala ao Mobile World Congress de Barcelona, evento que polo momento mantén as súas actividades presenciais programadas para finais de xuño e primeiros de xullo, período bastante anterior á celebración da IFA, polo que a súa celebración seguindo os criterios das autoridades xermanas sería toda unha temeridade, e un risco claramente innecesario, especialmente no contexto actual no que o sector xa non ten na axenda citas presenciais no que resta de ano.

PUBLICIDADE