A galega Menus.es pon en marcha un novo servizo de venda de cupóns de desconto

martes, 6 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Menus.es, servizo gastronómico-tecnolóxico galego do que falamos recentemente con motivo de ter superado os 7.000 establecementos rexistrados, vén de pór en marcha unha nova funcionalidade en materia de información especializada sobre restauración e os mellores métodos para accedermos a ela. Máis en detalle, a páxina, que se basea na idea de achegarlle ao usuario un buscador sinxelo e directo de menús de restaurantes de toda España, estrea esta semana un novo servizo dirixido a facilitar a venda de cupóns desconto.
Así nolo contan os responsábeis desta ferramenta dixital, os integrantes da empresa galega do mesmo nome, Menus.es, con sede orixinal en Lugo: “Logo de moito traballo e coa satisfacción por poñer en marcha a nosa plataforma, presentamos un novo recurso na nosa web que consiste na venda de cupóns desconto para restaurantes, hoteis e spas baseado nas compras colectivas”. Con reducións mínimas do 40% sobre os prezos orixinais, o que se pretende con esta novidade é achegar “unhas ofertas inmellorábeis dentro dunha páxina web específica como esta”.
O único que debemos facer para ter acceso a estas vantaxes, especialmente salientábeis nestes tempos que estamos a vivir de caída nos ingresos case xeralizada, é visitar a web www.menus.es. Polo de agora, informan, o servizo limítase ao eido galego, pero en breve abranguerase o resto de España e, axiña, levarase a cabo un espallamento firme cara a México, Colombia e Chile, onde xa están operativas as webs. Para obter un máximo rendemento destas, cómpre que nos rexistremos e, a partir de aí, recibir información e tódalas ofertas de xeito automático, facer valoracións e mercar cupóns desconto do xeito máis cómodo e seguro.

PUBLICIDADE