A presión sobre Huawei forza a venda de Honor

martes, 17 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Os rumores de que Huawei podería vender Honor para conseguir liquidez confírmanse, e a propia compañía chinesa publicou un comunicado no que recoñecen que tiveron que soportar moita presión nos últimos meses por mor do veto estadounidense que bloqueou boa parte da súa cadea de subministro, impedíndolles manter o pulo no negocio dos teléfonos móbiles, o que levounos a vender todos os seus activos de Honor a ShenZhen Zhixin New Information Technology Co., Ltd.
Con esta operación Huawei confían en poder superar mellor estes momentos difíciles, e unha vez que a venda se complete Huawei carecerá de participacións de Honor e non terá ningún tipo de control sobre as actividades de Honor, empresa que podería recoller o relevo de Huawei en moitos mercados.
Honor era unha marca de Huawei creada en 2013 coa que pretendían enfocarse a un público mozo con móbiles de prezos contidos, e durante este tempo conseguiu facerse un nome e chegar a superar os 70 millóns de smartphones vendidos ao ano. Queda agora por ver se ambas empresas decidirán non competir directamente entre si e optan por dirixirse a distintos mercados, xa que Honor é unha marca que, de librarse das sancións de Huawei, podería ter moi boa acollida en mercados como o europeo.

PUBLICIDADE