A asociación estudantil coruñesa Monkey Laboratory (MOLAB) celebrou dende o pasado sábado a súa primeira gamejam, competición non presencial baseada na plataforma en liña Itch.io, onde están dispoñibles os 9 proxectos desenvolvidos en apenas 72 horas.
Esta tarde celebrouse unha mostra pública dos xogos realizados nesta especie de maratón de programación, e tras a súa avaliación por un xurado composto por profesionais galegos do sector tecnolóxico e dos videoxogos, anunciáronse os gañadores, entre os que destacou Strato, obra de David Gómez, que fíxose cos galardóns ao Mellor Videoxogo e ao Mellor Deseño Artístico, mentres que Miguel López Vázquez co seu Binary Fall veu recompensada a súa creación co premio ao Mellor Deseño de Xogo e o Mellor Deseño Sonoro recaeu en A Fonte de Martín Álvarez, Óscar Casado e Denís López. A entrega de premios puido seguirse en streaming a través de Twitch.
A xornada estivo amenizada coa presenza dunha máquina recreativa construída na propia Facultade de Ciencias da Comunicacións da Universidade da Coruña, onde tivo lugar esta actividade, e na que os asistentes puideron gozar dalgúns clásicos dos salóns recreativos como Tetris ou Ghost’n Goblins.
