A tenda de descargas de Sony estrea versión web

venres, 7 de decembro do 2012 Marcus Fernández

De xeito imprevisto a tenda de Sony Entertainment Network (SEN), plataforma de videoxogos, películas e series de televisión de Sony que integrou á anterior PlayStation Network, estreou hoxe versión web, o que facilita a consulta dos seus contidos e a realización de compras de xeito que se engadirán automaticamente á listaxe de descargas da consola de videoxogos asociada á nosa conta de usuario, ou sexa, que tería o mesmo funcionamento que a plataforma en liña de Microsoft, que xa permite este tipo de prácticas dende hai anos.
Dende a nova páxina web podemos identificarnos, canxear códigos, configurar a conta, engadir fondos ao noso moedeiro virtual e consultar o noso historial de compras. A experiencia de compra vía web sería equivalente a facer o mesmo dende a consola de videoxogos, aínda que con este paso dáselle unha maior visibilidade aos contidos dispoñibles, o que resulta especialmente notable no caso de PlayStation Plus, servizo que pode subscribirse por 49,99 euros/ano (ou 14,99 euros/trimestre, cota que temporalmente está rebaixada a 9,99 euros) e que, aparte de numerosos descontos permite a descarga de moitos xogos de balde, que neste momento inclúe grandes títulos como Batman Arkham City, Resident Evil 5: Gold Edition e Vanquish para PlayStation 3 e Uncharted: El Abismo de Oro, Chronovolt e Gravity Rush para PS Vita.
Sony aínda non anunciou oficialmente este novo espazo web, limitándose polo momento a dar conta do inicio das ofertas de Nadal, que rebaixarán de prezo por tempo limitado a 12 grandes títulos.

A nova tenda web de Sony permite consultar, entre outras cousas, os xogos incluídos de balde en PlayStation Plus

PUBLICIDADE