ARC Raiders chega a PC e consolas

xoves, 30 de outubro do 2025 Redacción

Embark Studios lanza oficialmente ARC Raiders, o seu esperado xogo multixogador de extracción ambientado nunha Terra futura e devastada, onde os humanos loitan pola supervivencia fronte a letais máquinas chamadas ARC e outros Raiders rivais. O título está dispoñible dende hoxe en formato dixital para PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC (a través de Steam e a Epic Games Store), así como en nVIDIA GeForce NOW, cun prezo de 39,99 euros na edición estándar e 59,99 euros na edición deluxe.
En ARC Raiders, os participantes convértense en foraxidos armados que percorren un planeta cheo de ameazas mecánicas e emboscadas constantes. A acción desenvólvese entre intensos combates e misións de exploración na superficie, co obxectivo de construír un fogar no subsolo da cidade de Speranza. Como novidade, o lanzamento inclúe un novo mapa chamado Blue Gate. Amais, o estudio sueco prevé ampliar o contido do xogo con novos mapas, misións, armas e melloras de xogabilidade baseadas na comunidade.
O título tamén está a ter unha excelente acollida entre os xogadores: ARC Raiders superou os 260 mil usuarios simultáneos en Steam, situándose como o cuarto xogo máis popular da plataforma, por enriba de PUBG: Battlegrounds e xusto por detrás de Battlefield 6 e o seu novo modo Redsec.

O xogo está a ter boa acollida, algo complicado de conseguir para un estudio independente

Tráiler de lanzamento de ARC Raiders