Ábrese a inscrición ao VIII Coruña Bloggers
luns, 20 de marzo do 2017
O vindeiro día 29 vai celebrarse a oitava
edición de Coruña Bloggers, encontro que xuntará a blogueiros e outras
persoas con inquedanzas dixitais no salón de actos da Fundación Barrié para
atender a un par de relatorios dos que tirar proveito coñecendo os proxectos
dos seus oradores e atendendo aos seus consellos para aproveitar a súa
experiencia, non repetir os seus erros e coñecer algúns xeitos de abordar
certos eidos con éxito.
Os relatores
A primeira oradora da xornada será Patricia Cortés, estudante universitaria de
Educación Infantil na Universidade da Coruña, que tamén é autora de contos
infantís e artigos de reflexión sobre o mundo da educación e a infancia empregando
como fiestra ao mundo a súa páxina web All for Education. Na súa intervención titulada 10 consellos para o teu blog
interactuará co público sobre blogging
e dará as súas propias chaves e trucos para ter éxito cun blog, abordando temas
tan variados como a importancia de ter un bo logotipo ata como comunicar
correctamente cos lectores.
Mario López Guerrero collerá o
relevo de Cortés e comentará 10 trucos
para falar en público, de xeito que achegará pequenos trucos para falar en
público, captar a atención e sacar adiante as nosas presentacións dun xeito eficaz.
Este experto formador leva máis de quince anos desenvolvendo a súa actividade
profesional, tempo no que publicou diversos libros como Con el tiempo en los talones ou Habla
como puedas.
Inscrición aberta
Completarán a xornada un sorteo de agasallos (como un reloxo Geeksme por
cortesía de Opirata.com) e unha sesión de networking
nun local de hostalaría próximo (La
Taberna de Rita).
Os interesados en acudir poden solicitar xa a súa invitación a través de Eventbrite, lembrándose aos asistentes que, aínda que a actividade é completamente de balde, prégase a achega dun mínimo de 1 quilo de comida non perecedoira que entregarase á Cociña Económica.
