Adriana Anido (CITIC) presentou en Noruega o seu proxecto para mellorar con IA o diagnóstico das desordes do sono
mércores, 26 de marzo do 2025
A investigadora do CITIC da UDC Adriana Anido Alonso participou no congreso IEEE Symposium Series on Computational Intelligence, que tivo lugar do 17 ao 20 de marzo en Trondheim, Noruega. Anido presentou o estudo Multi-task deep-learning for sleep event detection and stage classification (Aprendizaxe profunda multitarefa para a detección de eventos do soño e a clasificación de etapas), que desenvolve con Diego Álvarez Estévez.
Segundo explicou a investigadora do CITIC, este traballo céntrase no desenvolvemento dun algoritmo de Intelixencia Artificial deseñado para analizar automaticamente os estudos do sono, coñecidos como polisomnografías. Estes procesos de investigación rexistran diversos sinais do corpo mentres durmimos. “O noso algoritmo é capaz de detectar eventos cruciais, como pausas na respiración ou espertas breves, e ao mesmo tempo identificar, nunha soa visualización, a fase do soño na que se atopa a persoa”, sinalou, lembrando que a día de hoxe estes estudos realízanse de maneira manual e requiren unha gran cantidade de tempo, polo que a ferramenta desenvolvida polo equipo do CITIC ten como obxectivo axilizar o diagnóstico e mellorar o labor dos especialistas no tratamento dos trastornos do soño.
O IEEE Symposium Series on Computational Intelligence é un encontro recoñecido por promover o intercambio de teorías e algoritmos dentro do eido da intelixencia computacional. A participación neste congreso asegura o intercambio de ideas e investigacións, ademais de potenciar unha contorna ideal para o nacemento de colaboracións entre persoal investigador.