Alertan de fallos de seguridade nos discos en rede de Western Digital

luns, 6 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Os dispositivos conectados tenden a ser un grande problema de seguridade informática, podendo prexudicar tanto ao seu propietario como á sociedade en xeral (por empregarse para lanzar ataques de xeito indiscriminado dun xeito moi difícil de percibir) e nesta liña alertan dende Exploitee.rs dunha serie de fallos de seguridade na meirande parte de produtos da liña My Cloud de Western Digital, solucións de almacenamento en rede que estarían expostos a intrusións que permitirían saltarse os contrasinais de acceso para executar ordes e cargar ficheiros sen permiso, de xeito que os atacantes poderían conseguir un control completo do sistema.
O preocupante desta situación non é que afecte a dispositivos no actualizados, senón o feito de que a actualización de Western Digital que corrixía a vulnerabilidade resultou introducir outra no proceso, dando a impresión de que a compañía non está a coidar debidamente a seguridade dos seus dispositivos, de aí que estean a dar conta destes problemas para presionar a compañía a que tome medidas.

PUBLICIDADE