Animacam homenaxea ás directoras cun novo blog e cunha nova serie de curtas en liña

xoves, 24 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

A muller como creadora é o eixe das novas actividades do certame de curtas en rede Animacam, un festival-concurso organizado dende Sandiás (Ourense) que centra unha boa parte da súa temática no Camiño de Santiago. Esta celebración do cinema feminino materialízase con cinco obras creadas e dirixidas por mulleres, presentadas estes días e cos obxectivos complementarios de conmemorar o terceiro aniversario de Animacam e a posta en marcha do blog Mulleres Animando, un caderno habilitado precisamente para homenaxear ás creadoras e a súa ollada, “imprescindible para compartir o camiño”. As pezas que se achegan son cinco obras de animación internacionais e inéditas no noso país, que por desgraza non é unha excepción ás normas do mercado da exhibición, onde só ten cabida aquilo que cobre uns mínimos de comercialidade.
Trátase de Hallucination (de Yalda Nasirian, de Irán), Crema Suprema (da canadense Elleanora Ventura), de Bedtime Story (da romanesa Kassay Réka), The lost glove (da lituana Justina Švambaryte) e Meaning (da directora búlgara Borislava Zahova).
Como de costume neste certame, tódolos filmes devanditos ficarán na páxina web do mesmo a disposición da comunidade internauta, que poderá visualizalos e achegar a súa valoración, amais de contribuír con creacións propias de seu. E máis tendo en conta que, como sinalan os organizadores de Animacam, “aquí teñen cabida non só proxectos de hoxe realizado por animadoras, senón tamén calquera proxecto producido ao longo da historia da animación, co fin de crear un punto de encontro en liña internacional”.