As Oculus Rift terán un prezo de 699 euros
xoves, 7 de xaneiro do 2016
Rematou a espera, e como
anunciaran, onte abriuse
a reserva das lentes de realidade virtual Oculus Rift, desvelándose
detalles como a data de lanzamento do produto (en abril) e o prezo, que resulta
ser moi superior ao que se dera a entender, custando nos EE.UU. 599 dólares,
mentres que dende España habería que pagar 699 euros para facerse coa desexada
solución de realidade virtual.
Polo momento a reserva das Oculus Rift só pode facerse dende
20 países (entre os que figura España) e pese ao elevado prezo do produto,
xa se venderon todas unidades da primeira remesa que se enviará a partires do
28 de marzo.
O lote de lanzamento das Rift incluirá o casco de realidade virtual con
auriculares e micrófono, un sensor e un mando de Xbox One (que poderá
empregarse co xogo Lucky’s Tale,
incluído no paquete, como tamén acontece con EVE: Valkyrie). Tamén inclúese o Oculus Remote, un novo dispositivo
de entrada deseñado para navegar polas experiencias de realidade virtual.
O sistema de control Oculus Touch,
que permitiría unha mellor interacción cos contornos de realidade virtual,
incorporando un mando a cada man do usuario, non verá a luz até o segundo
semestre do ano, aínda que dende Oculus aseguran que os que reserven as Rift
terán prioridade na adquisición deste accesorio.
Antes de rematar o ano tamén espérase que saian máis de 20 xogos compatibles
coas Rift, como unha versión de Minecraft,
outra de Rock Band, e tamén xogos
como Edge of Nowhere de Insomniac e The Climb de Crytek.
Para poder gozar das Rift é preciso contar cun ordenador persoal de grande
potencia, que como mínimo teña un procesador Intel Core i5 4590, 8 GB de RAM,
gráfica nVIDIA GTX 970 / AMD R9 290 con saída HDMI 1.3, 3 portos USB 3.0 e 1
porto USB 2.0, aínda que para facilitar a introdución nesta experiencia en
febreiro vai abrirse a reserva dun ordenador Oculus Ready que incluirá as Rift e que custará 1.499 dólares nos
EE.UU., o que posiblemente sexa o xeito máis cómodo e económico de poder gozar
desta tecnoloxía.
Sobre o prezo das Rift, o fundador da compañía, Palmer Luckey, atendeu
nas últimas horas a preguntas dos usuarios a través de Reddit, para dar
conta de que non gañan cartos co seu produto e recoñecer que errou ao dar a
entender no pasado que as Rift custarían 350 dólares, cando ese era o prezo do
segundo kit de desenvolvemento, que incluída tecnoloxías menos avanzadas das
que ten o produto final.
Luckey incluso asegura que por 599 dólares as Rift son un produto moi
económico, xa que estaría na liña do que custan moitos smartphones e
televisores, cando a tecnoloxía integrada está moito máis avanzada, con 2
pantallas OLED cunha velocidade de refresco altísima e unha elevada densidade
de píxeles, e unha serie de tecnoloxías se seguimento de movemento que fai que
no estado actual da tecnoloxía sexa imposible ofrecer unha experiencia de
realidade virtual de calidade por menos cartos. De feito, incluso comenta que o
mando de Xbox One incluído no lote practicamente saíulles de balde (grazas a un
acordo con Microsoft) de xeito que os usuarios pagan practicamente só polas
lentes (e os impostos adicionais, que no caso europeo incrementan seriamente o
prezo do produto final).
- Así entregaranse as Rift aos usuarios que as reserven