As Oculus Rift poderanse reservar a partires do Día de Reis

luns, 4 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que nos EE.UU. o vindeiro mércores é un día normal, dende España moitos verán como un agasallo de Reis que Oculus elixira tal xornada para iniciar o proceso de reservas das súas lentes de realidade virtual Rift, que levan anos evolucionando por distintos kits de desenvolvemento para converterse este ano nun produto comercial do que aínda non desvelan a data final de lanzamento. O que si confirman dende Oculus é que os usuarios que reserven as súas Rift recibirán tamén os xogos Lucky’s Tale de Playful e CCP’s EVE: Valkyrie, de xeito que poderán gozar dende o primeiro día das experiencias que achegará a realidade virtual e que prometen dar moito de si durante os vindeiros anos.
Polo momento tampouco sabemos o prezo que terán as primeiras unidades das Oculus Rift, pero poderían ser relativamente asumibles, pero o problema non estaría aí, senón no feito de que, para poder conseguir unha realidade virtual que realmente resulte convincente e cun nivel de calidade que non maree ao usuario habería que contar cun ordenador capaz de crear dúas imaxes simultáneas a 90 cadros por segundo, para o que teriamos que ter como mínimo un ordenador cun procesador Intel Core i5 (4590), 8 GB de RAM e unha tarxeta gráfica que como mínimo sexa unha TGX 970, ou sexa, que só a gráfica xa custaría máis que unha consola de videoxogos de nova xeración, o que dá a entender que tardaremos un tempo en que a realidade virtual de calidade poida chegar ao grande público de xeito masivo, xa que no estado actual tería unhas esixencias bastante superiores aos da base informática instalada (estímase que menos do 1% dos ordenadores en uso terían potencia para usar unhas Rift).
Prevese que nos vindeiros meses teñamos equipos compatibles con Oculus Rift por un prezo que se achegue aos 1.000 euros, o que parece asumible para os xogadores de PC máis intensivos, pero escapa bastante do orzamento que actualmente se manexa nos fogares e empresas para equipos informáticos.

PUBLICIDADE