As Xornadas Politica2.cero traerán a Compostela a un bo número de expertos en redes sociais

venres, 24 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

O Mosteiro de San Martiño Pinario, sede das xornadas, visto na web Santiagoturismo.com

Temos máis novidades sobre as Xornadas de Marketing Político (Politica2.cero) previstas para os vindeiros 14 e 15 de setembro na cidade de Santiago, uns encontros que xa avanzamos hai uns días que se dirixen a favorecer nun espazo común o intercambio de experiencias e ideas de valor sobre un fenómeno aínda por explotar, malia os pasos xa dados: a potencialidade das redes sociais e as ferramentas 2.0 no incremento da rendibilidade das campañas e as accións de tipo político. O evento, que contará cun bo número de relatores de prestixio, celebrarase no Mosteiro de San Martiño Pinario. Entre os especialistas en promoción tecnolóxico-social que xa confirmaron a súa asistencia atópanse Javier Piedrahita, (Marketingdirecto.com), Antoni Gutiérrez-Rubí (Ideograma), José A. Rodrígue Salas (alcalde de Jun), Javier Recuenco (Abypersonalize), Gonzalo Figari (Agencia D6) ou Ricardo Maturana (proxecto Gnoss), entre ouros moitos.
Co fin de ampliar ao máximo a capacidade de repercusión do evento, a organización (Candedo) ten previsto desenvolver un importante número de actividades de difusión do mesmo a nivel estatal (concellos, comunidades autónomas, universidades, institucións de todo tipo, asociacións profesionais, etc) e internacional, sobre todo en Portugal, en ámbolos dous casos tirando o máximo partido de aquilo que, tematicamente, constitúe o miolo do congreso: as redes e as comunidades sociais 2.0. A idea dos responsables do evento é conseguir a máxima asistencia no que profesionais con capacidade de decisión de compra se refire, creándose así “unha excelente oportunidade para promover, a un custo moi baixo, iniciativas empresariais”.