Comezan a coller corpo as xornadas internacionais sobre marketing político 2.0 de Santiago
luns, 20 de xuño do 2011
Fálase moito das posibilidades das redes
sociais para as empresas e os negocios, pero se cadra non se fala tanto como se
debera do potencial destas ferramentas para a política. Co fin de encher este
importante baleiro, Candedo organiza en Santiago, os vindeiros 14 e 15 de
setembro, as Xornadas de Marketing Político 2.0, uns encontros que xa contan con páxina web a pleno rendemento e que
traerán á cidade de Compostela “relatores
de prestixio para afondar nos máis axeitados métodos 2.0 a prol da
rendibilidade das campañas de tipo político e outras accións de comunicación
das nosas entidades”.
O evento, que agardamos incorpore en breve contidos
en galego (incluíndo unha versión da páxina web na nosa lingua), desenvolverase
en diferentes tipos de exposicións e relatorios, como por exemplo a través de explicacións
maxistrais da man de profesionais da comunicación da primeira liña
internacional, ou ben con feitura de exposicións de experiencias e casos de éxito
de persoas que tiveron ocasión de empregar a fondo as tecnoloxías sociais para
pór en marcha accións diversas de difusión e captación de seareiros.
No programa tamén está prevista unha
videoconferencia dende Hispanoamérica para que “comunicadores de outros países compartan con nós os seus coñecementos e
outros puntos de vista”, sinalan os organizadores do evento.
En breve tamén se dará comezo ás actividades
de divulgación e promoción da xuntanza en toda España e Portugal, nos
concellos, nas deputacións, nas comunidades autónomas, a través de correos
electrónicos, informacións web, redes sociais, medios tradicionais,
entrevistas.
