As comunidades tech de Galicia xúntanse este sábado na Reitoría da UDC no marco da Lareira Conf

venres, 21 de marzo do 2025 S. P.

A Reitoría da UDC, será sede este sábado 22 de marzo dunha cita tecnolóxica de gran relevancia: a conferencia Lareira Conf, evento que reúne as comunidades tech de Galicia. Durante o sábado 22 de marzo desde as 9.00 até as 21.00, 250 persoas pertencentes ao ámbito tecnolóxico ou afeccionados á tecnoloxía reuniranse no reitorado para unha xornada de charlas, networking e conexión.
O evento, organizado por CoruñaWTF, Sysarmy Galicia e GPUL, busca achegar aos profesionais ás comunidades tech, expandir os coñecementos mediante charlas de relatoras con ampla experiencia no ámbito tecnolóxico e visibilizar o ámbito tecnolóxico galego en plena expansión.
A charla de inicio será ás 9.30 no paraninfo do reitorado, a cal estará a cargo de Andrea Magán Rey.
No centro de LareiraConf están os colectivos galegos TIC, que buscan fomentar a conexión entre profesionais, a axuda mutua e o networking. Cada grupo ten unha esencia única e están dedicados a tecnoloxías ou áreas de traballo diferentes.
Durante a xornada, distintos profesionais de cada área expoñerán os seus coñecementos sobre un tema concreto. “Estas charlas sen dúbida achegarán algo aos asistentes xa sexa que o exposto afecte directamente ao seu traballo ou non, sen dúbida o impacto será profundo”, sinala a organización.