As fundacións Bulli e Telefónica recoñecen a innovación educativa do CEIP Laredo

mércores, 1 de febreiro do 2017 Redacción

O CEIP Laredo (emprazado en Chapela, Redondela) está estes días de celebración. Segundo nos contan os responsábeis da escola de Infantil e Primaria, vén de proclamarse como o único centro galego seleccionado pola Fundación Bulli (Ferrán Adrià) e a Fundación Telefónica para amosar a través do programa Escolas Creativas o alto nivel acadado na nosa terra pola innovación aplicada á docencia. O CEIP Laredo concorrerá nesta iniciativa xunto con 18 colexios máis do ámbito estatal. Grazas á participación neste certame e á obtención do Premio Escolas Creativas, o centro galego terá acceso a un programa participativo e dinámico de formación (BullyLab), con encontros con profesionais, titores e un kit de material educativo específico. O reto: ampliar aínda máis a transformación educativa da que parten os colexios coas metodoloxías creativas de Ferran Adrià no eido creativo.
O proceso de selección desenvolveuse entre outubro de 2016 a xaneiro de 2017. Ao longo deste tempo os centros educativos participantes presentaron os seus proxectos de transformación no programa Escolas Creativas, indicando as súas propostas e os seus traballos innovadores. O xurado seleccionou finalmente 19 colexios, incluído o galego (o xurado tivo en conta, no caso do CEIP de Chapela, a “súa traxectoria nestes últimos anos en materia de diversificación de proxectos tecnolóxicos e cooperación”). Do total, 13 resultaron ser públicos, 6 concertados e 1 privado.
Segundo nos contan dende o CEIP Laredo, grazas á súa participación neste programa impulsado pola Fundación Telefónica, a comunidade escolar e docente poderá nutrirse dunha chea de recursos, humanos e materiais, e xuntanzas intercentros, así como avaliar os seus propios procesos educativos, co fin de favorecer cambios de mellora baixo a metodoloxía do Bulli. Por outra banda, o alumnado e as familias terán a posibilidade de acceder a programas pilotos con titorías, e tamén haberá visitas e faladoiros no centro galego de persoeiros de renome estatal e internacional no ámbito da creatividade a innovación.

PUBLICIDADE