As galegas EGATEL e Avansig amosan no CITIC os seus avances en tecnoloxías para a seguridade

xoves, 3 de novembro do 2016 Redacción

Algunhas das empresas galegas máis senlleiras do panorama tecnolóxico estarán estes días no CITIC da Coruña, nas cuartas Xornadas sobre Seguridade, Defensa e Tecnoloxías Matemáticas, amosando os seus desenvolvementos no camiño de achegar, pola vía da innovación, novos sistemas destinados a protexer persoas, bens ou datos de posíbeis ataques, riscos ou ameazas. Empresas como por exemplo a coruñesa Avansig, da que falamos onte en Código Cero salientando a presentación de Drone Service, ou como a ourensá EGATEL, que amosará os seus máis recentes avances en sistemas de comunicación alternativos.
As xornadas, como lembraremos, desenvólvese até este venres da man do ITMATI, o Centro Superior de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN), a Universidade da Coruña e por suposto o CITIC (UDC). O seu obxectivo é expoñer ante empresas, entidades e cidadanía o importante nicho de actividade que constitúe a confluencia entre novas tecnoloxías, matemáticas e seguridade.
Segundo informa a organización do evento, EGATEL amosará na cita importantes detalles sobre o seu sistema de comunicación alternativo baseado nas matemáticas. Este sistema é, nas súas palabras, “especialmente robusto fronte a interferencias e ataques”. Ademais, a primeira xornada terá como atractivo engadido a posibilidade de ver in situ unha demostración de voo de drons en espazos interiores da man da empresa Avansig (ás 13:25 no DroneLab do Edificio CITIC 2).
Obxectivos das xornadas
O evento, máis en detalle, “ten a vocación de servir como punto de encontro entre empresas e organismos relacionados coa vixilancia e a defensa, e os científicos matemáticos que poden ofrecerlles solucións”, explica Peregrina Quintela, directora de ITMATI, unha das entidades impulsoras do evento, xunto co CITIC, para quen é “moi importante” xuntar forzas para dar formar a recursos que “garantan a seguridade”, non só en aeroportos, estacións e instalacións, senón tamén, en redes de transmisión e contornas da nube, na protección de información (Big Data), e mesmo en vehículos autónomos; “o que pode ser vital para a protección”. Segundo apunta Manuel F. González, coordinador do Centro de Investigación en TIC, as tecnoloxías da computación terán no futuro unha gran relevancia á hora de permitir enfrontarnos da mellor maneira posíbel aos devanditos desafíos de seguridade e protección.
Todos estes temas serán tratados ao longo catorce relatorios, entre as que salienta o encargado de abrir programa, no que Antonio Juan González García, xefe do Programa SCOMBA (Sistemas de Combate da Armada) da Xefatura de Apoio Loxístico da Armada, falará sobre os plans de I+D de Defensa nos que poden participar as universidades. Ademais, contará detalles do programa que dirixe: un sistema de combate que unifica as necesidades de mando e control a nivel táctico de todos os buques da Armada.
Outra das empresas que vai intervir nos relatorios é Prosegur, facendo fincapé na seguridade referente ao intercambio e almacenamento de información na nube e, tamén, na importancia de tomarmos medidas preventivas, dende as empresas, para evitar fallos de protección fronte a ameazas. Segundo avanza Eduvigis Ortíz, de Prosegur, “existe a inxenua crenza de que os provedores de servizos na nube son totalmente responsábeis da seguridade dos seus clientes, o que fai que as empresas e organizacións non tomen medidas para evitar roubos de información”. Na súa opinión, “débese asumir que se produciu un cambio de escenario que esixe unha nova forma de abordar a salvagarda de datos”. E as cifras respecto diso, sinala, falan por si soas: “O 60 por cento das empresas que para 2018 habiliten ferramentas de visibilidade e control terán un terzo menos de fallos de seguridade”.