A UDC xunta esta semana aos expertos máis referenciais da confluencia entre TIC e defensa
mércores, 2 de novembro do 2016
Este
xoves 3 de novembro van dar comezo na Coruña uns encontros de gran
interese para dous colectivos cuxa colaboración non para de medrar:
os nosos profesionais e investigadores das novas tecnoloxías da
información, por unha banda, e as entidades e as firmas ligadas a
velar pola seguridade da cidadanía, pola outra. Falamos da cuarta
edición das Xornadas
sobre Seguridade, Defensa, Tecnoloxías Matemáticas e
Computacionais. O evento, que se estenderá ao longo de dous
días, desenvolverase na sede do
Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (o centro
CITIC). En virtude destas xornadas, o CITIC acollerá aos maiores
expertos do panorama nacional co obxectivo de potenciar as
Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e as
tecnoloxías matemáticas e de cálculo nos devanditos ámbitos
ligados á protección. Nun plano máis concreto, presentaranse
detalles do pioneiro e revolucionario prototipo de dron autónomo
para a vixilancia do interior de edificios, desenvolvido por
Avansig, firma da Coruña con
sede no CITIC.
Segundo
informan os organizadores das xornadas, estas veñen cun inmellorábel
precedente: o éxito das anteriores edicións, que “referendan a
relevancia destes encontros”, nas súas palabras “fitos anuais
clave para o sector empresarial, organismos internacionais e
comunidade científica”.
Desta
volta, nesta nova edición do evento, abordaranse temáticas
punteiras a través de relatorios relacionados cos principios da
nanotecnoloxía, a futura serie de fragatas F-110, a computación
cognitiva, as comunicacións en contornas adversas e a detección e
seguimento de lixo espacial, entre outros moitos asuntos de interese.
Estas
xornadas realízanse grazas á colaboración entre o Centro Superior
de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN), o Instituto Tecnolóxico de
Matemática Industrial (ITMATI), o Centro de Investigación en
Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e a
Universidade da Coruña (UDC), coa colaboración do Instituto
Matemático Interdisciplinar (IMI) da Universidade Complutense de
Madrid.
Intervencións
destacadas
As
sesións de apertura e peche das xornadas contarán, respectivamente,
coas intervencións de Salvador Naya, vicerreitor de Política
Científica, Investigación e Transferencia da UDC e vicepresidente
de ITMATI, e Julio Abalde, reitor da UDC. Trala inauguración, o día
3, celebrarase un relatorio a cargo do capitán de navío Antonio
Juan González García, xefe do Programa SCOMBA (Sistema de Combate
dos Buques da Armada) e membro da Xefatura de Apoio Loxística da
Armada.
- A tecnoloxía Drone Service da empresa galega Avansig, con sede no CITIC
Do mesmo xeito, outro momento destacado destas xuntanzas poderá vivirse da man da empresa Avansig, que realizará unha demostración en vivo da devandita tecnoloxía Drone Service, un sistema de seguridade que, como dixemos, baséase no emprego de drons autónomos e diríxese a dar servizo e cobertura para interiores. Ademais, entidades e empresas referenciais como EGATEL, EMAD, DGAM-Gespro, Roa, Prosegur, Hewlett Packard Enterpreise, IBM ou EMETEL achegarán cadansúa visión sobre as posibilidades da información inxente (Big Data), a intelixencia cognitiva ou a ciberseguridade para os ámbitos da defensa e a protección.