As novas lentes de Solos funcionarán con ChatGPT

martes, 10 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Meta está a ter un éxito considerable coas súas lentes comercializadas en colaboración con Ray-Ban que, entre outras cousas, permiten realizar consultas a Meta AI, polo que non debería sorprendernos que xurdan imitadores como Solos, que nun par de semanas lanzará as lentes AirGo Vision, que presumen de ser as primeiras smart glasses con cámara en integrar ChatGPT.
Temos así que as novas lentes de Solos non se limitarán á interacción a través da voz, senón que tamén ofrecerán funcións de recoñecemento visual en tempo real, converténdose nun produto moi interesante para tirar proveito da IA en mans libres durante o noso día a día.
Dende Solos apuntan a que a arquitectura aberta das AirGo Vision soportarán outras solucións de IA como Claude (Anthropic) e Gemini (Google), polo que estaríamos ante unha opción moi interesante para quen queira experimentar con esta tecnoloxía emerxente.
Coas AirGo Vision poderemos consultar a IA en calquera lugar para consultar información da Rede, como o estado do tempo ou as novas, para gozar de traducións, e moitas outras funcións, prometendo máis de 2.500 interaccións coa IA cunha única carga, de xeito que sería un produto apto para empregar durante toda a xornada.
As novas lentes xa están dispoñibles para a súa reserva con dous formatos de montura: as Krypton 1 e as Krypton 2. Aparte dos usos coa IA, tamén serviría como mans libres para escoitar até 10 horas de música ou 7 horas de chamadas cunha única carga. O seu prezo é de 289,53 euros, polo que parece pretender competir directamente contra as Ray-Ban Meta, aínda que é difícil predicir se a compañía detrás deste proxecto conseguirá estar á altura, e así ofrecer unha alternativa ás propostas pechadas de compañías como Meta.