Chega a IA ás lentes Ray-Ban Meta

luns, 18 de novembro do 2024 Marcus Fernández

As lentes Ray-Ban Meta presentáronse como un dispositivo que servía como micrófono e auriculares para o móbil, así como tamén podía empregarse para sacar fotografías e filmar vídeos, cunha grande novidade: poder realizar directos en Instagram e Facebook. Pero, por se esta innovación non era dabondo, integraron logo a posibilidade de realizar consultas á IA de Meta mediante ordes de voz e incluso tirando proveito das posibilidades multimodais de Meta AI (ou sexa, podendo interpretar imaxes captadas pola cámara das lentes), converténdose nun dos xeitos máis revolucionarios de tirar proveito dos asistentes de IA.
Estas novidades estaban inicialmente en probas ao outro lado do Atlántico, pero pouco a pouco foron incorporando novos idiomas e adaptándose a novos territorios, até que por fin anuncian a súa chegada oficial a Francia, Italia, Irlanda e España en inglés, francés italiano e español. Deste xeito, os usuarios españois dunha lentes Ray-Ban Meta poderán realizar consultas coa IA de Meta en mans libres, recibindo dese xeito resposta ás consultas de información que teñan en calquera momento.
Esta despregadura de Meta AI para as lentes con deseño de Ray-Ban é limitada, pois polo momento fas funcións baseadas na cámara das lentes están limitadas a EE.UU., Canadá e Australia, xa que dende Meta queren ser prudentes co cumprimento das distintas lexislacións locais, polo que a súa IA leva un retraso considerable en Europa (lembremos que hai territorios nos que incluso está integrada esta tecnoloxía en WhatsApp).