As cidades galegas terán 4G de Telefónica en 2014
mércores, 13 de novembro do 2013
- Manuel Alonso, director da operadora en Galicia
Telefónica amosouse
especialmente activa esta semana con relación á nosa terra. Sen ir
máis lonxe, o luns estivo en Compostela para
lanzar a mensaxe de que a crise rematou e, tamén, para anunciar
a
posta en marcha dun centro de emprendemento no Gaiás (na Cidade
da Cultura); e agora volve á carga cun
anuncio que non só ten interese para os usuarios galegos dos
seus servizos, senón para todos aqueles que algunha vez, nos últimos
tempos, chegaron a pedirlle ao seu móbil algo máis do que este lles
podía dar. Falamos da tecnoloxía 4G, que é o seguinte paso da
tecnoloxía que nos permite conectarnos á Rede a través do noso
aparello. Pois ben, Telefónica fixo saber este martes que as
principais cidades galegas terán o devandito servizo
(infraestruturas propias da compañía) en 2014. Con todo, tamén
informa que na nosa terra a operadora xa fornece ao cliente estas
solucións, nas principais cidades, aínda que a través de redes
alleas.
A nivel xenérico, a
operadora lembra que comezou a prestar servizos coa súa rede propia
4G desde o pasado mes de outubro en 28 municipios de todo o Estado, e
que neste mes outras 23 cidades vanse unir á cobertura de banda
larga móbil de Telefónica. “Desta maneira”, informa, “a
compañía despregaría máis de 1.500 nodos de cuarta xeración en
tan só dous meses”. Máis en detalle, entre os meses de outubro e
novembro as poboacións con servizo e cobertura 4G de Telefónica son
Alacante, Badalona, Barcelona, Cornellà de
Llobregat, Esplugues de Llobregat, L’Hospitalet de Llobregat, Prat
de Llobregat, Sant
Adrià de Besòs, Sant Boi de
Llobregat, Santa Coloma de Gramenet, Palma de Mallorca, Alcalá de
Henares, Alcobendas, Alcorcón, Fuenlabrada, Xetafe,
Leganés, Madrid, Móstoles, Parla, Pozuelo de Alarcón, San
Sebastián de los Reyes, Torrejón de Ardoz, Sevilla, Málaga,
Murcia, Valencia, Valladolid, Zaragoza, Benidorm, Elxe,
Orihuela, Torrevieja, Cáceres, Alxeciras,
Cádiz, Chiclana, Porto
de Santa María, Xerez
de la Frontera, San Fernando, Fuengirola,
Marbella, Mijas, Vélez-Málaga, Cartaxena,
Lorca, Gandía, Manises, Sagunto, Torrent e
Badaxoz.
En decembro Telefónica
ten o obxectivo de completar a cobertura 4G, previsión de 2013, até
chegar a outros 16 concellos, o que significa instalar ao redor de
440 nodos que se sumarán aos máis de 1.500 xa despregados entre
outubro e novembro. Isto quere dicir que a finais de ano a operadora
“despregaría rede propia e servizos 4G en 65 municipios de máis
de 100.000 habitantes coa instalación de ao redor de 2000 nodos”.
Esta achega significará unha cobertura dun 50% da poboación, ao
redor duns 20 millóns de habitantes, engade a compañía. Os
concellos que se incorporarán en decembro son Almería, El Ejido,
Roquetas de Mar, Córdoba, Granada, Huelva, As Palmas de Gran
Canaria, Telde, Alcalá de Guadaira, Dos Hermanas, Barakaldo, Bilbo,
Guetxo, Santa Cruz de Tenerife, Xaén e Mérida.
Xa ao longo do primeiro
semestre do ano vindeiro será a quenda dos concellos galegos. Así,
segundo informa Telefónica incorporaranse nese treito outros 39
municipios da contorna dos 70.000 habitantes, e outros 750 nodos
adicionais aos preto de 2.000 do tres últimos meses de 2013. Así,
sumaranse en 2014 cidades como A Coruña, Ferrol, Santiago de
Compostela, Vitoria-Gasteiz, Avilés, Xixón, Oviedo, Cerdanyola
do Vallés, Granollers, Rubí, San Cugat del Vallés, Burgos,
Santander, Castelló, Xirona, Donostia, Lleida, Lugo, Coslada,
Las Rozas, Majadahonda, Rivas Vaciamadrid, Valdemoro, Pontevedra,
Vigo, León, Tarrasa, Reus, Tarragona, Sabadell, Palencia,
Salamanca, Logroño, Pamplona, Arona, San Cristóbal de la Laguna,
Melilla, Ceuta e Ourense.
Lembrar que Telefónica
traballa con Alcatel-Lucent e Ericsson como subministradores para
realizar o despregamento. A banda de frecuencias na que se está
achegando infraestrutura inicialmente é a de 1.800 Mhz, ata que
estea dispoñíbel a de 800 Mhz que ficará ceibe polo dividendo
dixital. “Desta maneira”, explica a operadora, “as velocidades
máximas de transmisión dos datos en mobilidade que este primeiro
despregamento permitirá aos clientes de Movistar serán de até 75
Mbps de baixada e 25 Mbps de subida”.
Sinalar tamén que o
servizo 4G de Movistar non ten custo adicional, está integrado na
oferta de tarifas de datos desde 1 GB de franquía. “Desta maneira
os clientes de Fusión, Movistar Total e Navega 20, así como
calquera outro cliente que contrate un Extra GB, poderán gozar da
máxima velocidade sen cambiar de tarifa e sen custo adicional”,
explica a compañía, que engade que os usuarios tan só precisan
dispor dun terminal compatíbel e estar nunha zona de cobertura 4G.