O presidente de Telefónica salienta o potencial industrial e innovador galego para saír dunha crise "que xa rematou"
luns, 11 de novembro do 2013
- César Alierta, presidente de Telefónica, nun acto recente perante os medios
O
tecido industrial galego é de abondo forte como para superar a focha
produtiva, unha focha que por outra banda xa se comezou a superar, "e que mesmo puido rematado xa". De
feito, o noso eido industrial é a día de hoxe un 15% maior cá
media nacional (18% do PIB en Galicia contra o 16% do PIB en España).
Estes
datos e valoracións foron dados a coñecer este luns en Santiago
polo presidente de Telefónica, César Alierta, con motivo da
presentación da nosa terra dun documento, España emprende e
exporta, que semella feito e concibido para recordarlles a
tódolos axentes implicados no medre económico que a crise xa comeza
a non ser tal.
O
documento en cuestión, que está a ser presentado nunha xira por
varias capitais do Estado, foi feito polo Consello Empresarial para a
Competitividade (CEC), que Alierta tamén preside. Esta plataforma
está composta por 15 compañías estatais e o Instituto de Empresa
Familiar. Entre as empresas que o integran, amais da operadora de
telecomunicacións, atópanse Acciona, Planeta ou a galega Inditex,
entre outras.
Volvendo
ás declaracións de Alierta na presentación do informe, celebrada
no Hostal dos Reis Católicos, dicir que resultaron ser un paréntese
de optimismo. Ao seu xuízo, “os últimos meses están a resultar
aínda máis positivos do previsto, co 80% dos indicadores económicos
amosando xa unha clara melloría e cunha previsión de crecemento
para 2014 do 0,9%”. Esta mellora da actividade, dixo o presidente
da CEC, impactará de xeito positivo no emprego o ano vindeiro.
A
presentación do documento, que foi clausurada polo presidente da
Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, contou tamén cun
importante ingrediente empresarial galego, representado polas
compañías Televés e FINSA, cuxos secretarios xerais, Jorge Lorenzo
e José Carballo, respectivamente, deron a coñecer as súas opinións
persoais sobre os temas que avalía o documento, ao tempo que facían
un percorrido pola traxectoria recente de cada empresa e polas
principais consecuencias que tivo en cadanseu caso a crise.
Previamente,
tanto Alierta como Fernando Casado, director do CEC, avaliaran polo
miúdo o potencial de crecemento galego. E, ao seu xuízo, estamos
ante un potencial empresarial especialmente importante, non só en
termos propiamente galegos, senón tamén estatais e europeos. De
feito, Alierta lembrounos que somos líderes nunha serie de sectores
e que temos unha posición privilexiada para encarar a recuperación:
máis preto do Atlántico e de Latinoamérica (incluído Brasil, con
que compartimos lingua) que unha boa parte dos países europeos, e
cunha tradición innovadora e competitiva en sectores como a
industria téxtil (11.000 millóns de euros exportados en 2012, 7.500
tendas de roupa galega estendidas por todo o mundo, 14.000 empregados
en 1.200 empresas só en Galicia). Asemade, dixo, temos un sector
empresarial que aposta pola I+D, que sabe tirar proveito das escolas
de negocio e dos centros de investigación (como Gradiant, CITIC,
CITIUS ou CTAG, entre outros, cada vez máis fortes) e que posúe
unha situación xeoestratéxica clave para acceder a mercados con
gran potencial. Tamén valorou a actividade recente, e punteira, dos
sectores da automoción, a biotecnoloxía, a maquinaria-ferramenta,
a industria aeroespacial, a agroalimentaria e, por suposto, as novas
tecnoloxías da información e a comunicación, que dende Telefónica
(non só porque lle toquen tematicamente preto) consideran
fundamentais, dende tódalas frontes, de cara a apuntalar un futuro
fortalecido e a proba de crises. Estes sectores (TIC, motor,
biotecnoloxía, agroalimentario, etc), “son sectores clave que
xeran en España, a día de hoxe, o 35% do PIB e empregan a dous
millóns de persoas”, recalcou.