As visitas ás Illas Atlánticas xestiónanse xa con novas tecnoloxías
venres, 23 de marzo do 2018
Mellor e maior control
na entrada de visitantes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Este é o obxectivo básico do
novo sistema tecnolóxico estreado hoxe pola Xunta no embarque dos
primeiros pasaxeiros que partiron rumbo ao arquipélago das Cíes,
onde estivo presente a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana
María Díaz. O sistema, moi semellante ao implantado dende o ano
2015 na Praia das Catedrais, introduce unha metodoloxía tecnolóxica
de xestión para garantir as súas eficacia e eficiencia. Para
comezar, os viaxeiros están obrigados a obter unha autorización
previa de acceso, de carácter persoal, intransferíbel e de balde, a
través da páxina web,
habilitada pola axencia AMTEGA.
Segundo informa a
Administración autonómica, este cambio de sistema implica a
obtención dun permiso previo para visitar as illas, co que logo se
poderá mercar o billete nunha das tres empresas autorizadas durante
o período de Semana Santa (Mar de Ons, Nabia e Rías Gallegas). Unha
vez obtida a autorización, o visitante poderá descargala no seu
dispositivo móbil (ou ben imprimila) para a súa posterior
comprobación en porto por parte do persoal do Parque Nacional
Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.
Ana María Díaz
lembrou que tamén se establece un mecanismo de lectura e control dos
códigos QR que levan inseridos todas as autorizacións e que estará
ligado coa web en tempo real. “Isto permitirá ao persoal do parque
despregado tanto nos portos de Vigo, Baiona e Cangas como no de
Rodas, en Cíes, comprobar a validez das autorizacións dos
pasaxeiros”, engadiu.
A directora xeral
engadiu que xa se teñen emitido máis de 1.800 autorizacións “sen
rexistrarse incidencias” e recordou que ditos cambios pretenden
evitar “a posíbel sobre-venda de billetes por parte das empresas
de transporte que ofrecen este servizo”.