Asus actualiza a súa consola portátil dobrando a súa batería

luns, 3 de xuño do 2024 Marcus Fernández

O ano pasado Asus quixo competir coa Steam Deck de Valve coa súa ROG Ally, unha consola portátil baseada en Windows 11, que prometía unha grande experiencia de xogo en mobilidade por 799 euros, pero cunha grande limitación de autonomía que agora queren solucionar coa nova ROG Ally X, que pasa de 40 WHrs a 80 WHrs a costa dun incremento de peso (de 608 a 678 gramos) e prezo (dos actuais 649 euros a 899 euros) que moitos estarán dispostos a asumir.
A ROG Ally X funciona cun procesador AMD Ryzen Z1 Extreme, 24 GB de RAM LPDDR5X, 1 TB de SSD, pantalla Full HD de 7 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, son estéreo, Wi-Fi 6E, controis propios dunha consola de videoxogos, lector de impresións dixitais, conectores USB-C con saída DisplayPort (facilitando así o uso de lentes con pantalla integrada para unha experiencia máis inmersiva) e sistema operativo Windows 11, de xeito que ofrece un catálogo de xogos inmenso, pero que grazas á interface Armoury Crate SE resulta preséntanse dun xeito áxil, elegante e cunha chea de axustes personalizables.
Esta nova consola portátil (ou PC consolizado) pode adquirirse actualmente por 899 euros, aínda que non chegará a mans dos compradores até o vindeiro 22 de xullo.

Vídeo promocional da Asus ROG Ally X