Asus detalla como será a súa consola portátil baseada en Windows 11
xoves, 11 de maio do 2023
Nos últimos meses
Valve confirmou que a súa proposta de consola portátil baseada en PC para
correr xogos de Steam, a súa tenda en liña, a Steam Deck, atendía moi ben
a demanda de moitos usuarios a nivel mundial, e dende
Asus souberon ver esta oportunidade para facer algo semellante, pero apostando
directamente por Windows 11 como sistema operativo e por un hardware máis
potente, espertando o interese de moitos xogadores de todo o mundo ansiosos
saber o que daría de si a ROG
Ally.
Tras semanas de espera, por fin desvelaron as
especificacións e características da ROG Ally, resultando un dispositivo do
máis prometedor, que poderá reservarse a partir do 11 de maio a un prezo de 799
euros (aínda que está previsto que no terceiro trimestre do ano lancen un modelo
máis económico) e que chegará a mans dos xogadores o 13 de xuño a tempo para
satisfacer a demanda do xogo en mobilidade que tanto se dispara no verán.
Aparte de apostar por unha plataforma de software diferente (a Steam Deck ten
un sistema operativo baseado en Linux que é capaz de correr bastante xogos de
Windows dispoñibles en Steam, pero non a súa totalidade), a ROG Ally apunta
máis alto, e está equipada cun moderno procesador AMD Ryzen Z1 Extreme, así
como cunha pantalla táctil IPS de 7 polgadas con resolución Full HD a 120 Hz,
de xeito que permite unha experiencia de xogo en mobilidade moi superior á da
competencia, e tamén destaca por lanzarse en colaboración con Microsoft, de
xeito que a consola inclúe 3
meses de Xbox Game Pass Ultimate, servizo que achega un importante catálogo
de xogos dos que boa parte poden xogarse en streaming, evitando así ter que
instalalos para probalos e tamén gozando dunha maior autonomía (xa que nese
caso o procesamento gráfico realizaríase en remoto).
A ROG Ally pode funcionar cos xogos en modo portátil, pode conectarse ao
televisor e, no caso de usuarios moi esixentes, incluso pode equiparse co
conxunto de GPU externas ROG XG Mobile, que achega unha experiencia de xogo de
primeiro nivel (aínda que o seu prezo é bastante elevado, xa que cunha
gráfica nVIDIA GeForce RTX 4090 de portátil custaría 1.899 euros).
Esta consola portátil funciona con 16 GB de memoria LPDDR5 a 6.400 MHz, 512 GB
de almacenamento PCIe Gen 4 e tamén conta con lector para tarxetas microSD
UHS-II, ou sexa, que está configurada para ter un desempeño moi áxil, ao que
tamén contribúe a súa conectividade Wi-Fi 6E.
Cómpre salientar que a grande vantaxe da ROG Ally é a súa compatibilidade
Steam, Xbox Game Pass, Epic, GOG e moitas outras plataformas, xa que basicamente
estamos ante un ordenador con Windows 11 adaptado para poder controlarse de
xeito doado nun formato portátil, para o que dende Asus desenvolveron software
que facilita a xestión da colección de xogos (aínda que estea repartida entre
varias tendas dixitais).
O principal problema que parece ter esta nova consola é que, de empregar a súa
máxima potencia en xogos esixentes a súa autonomía resentiríase moito, aínda
que cómpre lembrar que este tipo de dispositivos permiten configurar o seu
rendemento gráfico para axustar consumo e a relación entre velocidade e nivel
de detalle (dependendo este último detalle moito dos gustos de cada xogador).