Balatro supera os 5 millóns de copias vendidas

martes, 21 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

A pasada edición dos The Game Awards saldouse coa grande vitoria de Astro Bot, título elixido como Xogo do Ano, pero o resto de galardóns demostran ter un impacto moi importante, e como boa mostra diso temos o caso de Balatro, un xogo de naipes baseado na baralla inglesa e no póker, que triunfou nas categorías de Mellor Xogo Independente, Mellor Debut de Xogo Independente e Mellor Xogo para Móbiles, o que tería un impacto nas súas vendas, que finalmente superaron os 5 millóns de unidades.
A primeiros de decembro, o xogo, con versións para ordenador, consolas e dispositivos móbiles, acumulaba 3,5 millóns de unidades vendidas, polo que a visibilidade que lle achegou a celebración dos The Game Awards podería ter influído na venda de preto de millón e medio de copias, o que non é ningunha broma para un título independente.
Balatro lanzouse hai 11 meses, e apenas recibiu actualizacións en todo este tempo, pero está previsto que ao longo do presente ano reciba unha importante actualización de balde que introduza novidades xogables en todas as plataformas.
Cómpre salientar que, aínda que a súa estética poida lembrar a conceptos de xogo orientado ás apostas, é o caso contrario, sostendo publicamente o seu creador que se opón totalmente a que Balatro se converta nun auténtico xogo de apostas.

Vídeo promocional de Balatro