Banco Santander, Microsoft, o Concello de Santiago, IBM e SuSE apoian as tecnoloxías abertas en LibreCon

mércores, 21 de outubro do 2015 Redacción

AGASOL, ASOLIF e Clúster TIC Galicia organizan a quinta edición de LibreCon, conferencia de negocio e tecnoloxías abertas, os próximos días 29 e 30 de outubro en Santiago de Compostela. A Cidade da Cultura congregará durante dúas xornadas a responsables do mundo da empresa, a administración e a educación para dar a coñecer tendencias e casos de éxito baseados en tecnoloxías abertas que están a facer máis competitivas e innovadoras a empresas e administracións públicas.
Destaca o apoio á conferencia de Banco Santander e Microsoft como patrocinadores Platinum, xunto cos patrocinios Gold do Concello de Santiago, IBM e SuSE, que permiten que o evento sexa gratuíto para todos os asistentes, que poden rexistrarse en liña totalmente de balde para poder acudir á cita que contará con representantes internacionais do mundo tecnolóxico da talla de Victor Palau de Canonical, Dominig Ar Foll de Intel Open Source, Roberto Zompi de GENIVI-Magnetti Marelli (grupo Chrysler-Fiat), Tin Hang Liu de Open Source Vehicle e Jim Groom creador de EDUPUNK que ofrecerán sesións maxistrais sobre Internet of Things (IoT), automóbil conectado e educación.
Co obxectivo de compartir coñecemento, arredor de trinta charlas e talleres dun gran número de empresas e representantes nacionais como Igalia, ASPGems, Irontec, IBM, SuSE ou Teléfonica eorganizacións como a Junta de Andalucía ou a Universidad de Granada, entre outros, conforman unha axenda cargada de sesións adicadas a dar a coñecer novas iniciativas que amosen como as tecnoloxías abertas axudan á xeración de negocio en todos os sectores de actividade. A zona expositiva, premios e actividades sociais, completan dúas xornadas repletas de tecnoloxía.
“Queremos potenciar o networking e a compartición de coñecemento arredor de solucións baseadas en tecnoloxías abertas que aumenten a competitividade e eficiencia das organizacións”, indica Xavier Castaño, presidente de AGASOL. “Temos unha axenda moi interesante que cubre temáticas en auxe como o IoT, os automóbiles conectados ou novas tendencias educativas e que ademais toca temas de tecnoloxías asociadas como a nube ou o big data”.

Un evento en familia, LibreKids

Co obxectivo de animar e facilitar a asistencia a aquelas persoas que teñan interese en participar nas xornadas o venres pola tarde, así como achegar a tecnoloxía aos máis pequenos, LibreCon ofrece o novo espazo LibreKids.
Dous obradoiros estarán dispoñibles para gozar da tecnoloxía nas actividades en familia. O taller “Enredando con Mimadriña: origami e LED” é unha proposta educativa e social que emprega como ferramenta base o origami a partir de 5 anos. “Enredando con escornabots: robótica e impresión 3D abertas” achegará a robótica e a programación a nenos e nenas a partir de 6 anos.
As actividades son gratuítas previo rexistro a través do sitio web da conferencia.

PUBLICIDADE