Big Data Coruña contará novamente con referentes mundiais en datos masivos

mércores, 3 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Facultade de Informática da Coruña estase a preparar para un dos grandes acontecementos tecnolóxicos da tempada na nosa terra. Trátase do evento internacional Big Data Coruña 2018, que se desenvolve esta semana no devandito centro e que contará coa presenza dalgúns dos meirandes expertos en análise de información a gran escala. A cita, que vén da man de investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, celebrarase o xoves 4 de outubro (de 9.30 a 17.00 h) e máis o venres 5 (de 9:30 a 14.00 h). Trátase da cuarta edición dunha xuntanza que pon a nosa terra no epicentro mundial do debate arredor do Big Data, que é en boa medida a clave do progreso tecnolóxico que nos agarda.
Máis en detalle, este encontro está organizado pola investigadora do CITIC Amparo Alonso-Betanzos, que é tamén presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial e Catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC; e David Martínez, investigador do CITIC, e tamén da área Big Data da University College London ( UCL) e director da área de investigación de Spartan Data.
O evento reunirá a expertos en tecnoloxía e analítica de datos en dúas xornadas que abordarán os novos retos aos que se enfronta esta disciplina. Servirá de punto de encontro entre a comunidade académica, pero tamén para empresas e organizacións interesadas nos datos masivos, un eido que é tendencia tanto pola súa aplicación como pola súa posta en valor nunha ampla variedade de ámbitos.
O Big Data Coruña 2018 conta coa colaboración do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións ( CITIC) da UDC, a Xunta de Galicia, a Rede Española de Big Data e Análise de datos escalables e a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC.

PUBLICIDADE