Bota a andar HBO España

luns, 28 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Tras anticipalo Vodafone, por fin temos en funcionamento o servizo HBO España, unha nova plataforma de vídeo baixo demanda que mediante streaming ofrece non só as tempadas completas do contido da reputada cadea HBO, senón tamén series producidas por outras compañías, películas, documentais e contido para toda a familia (con títulos de Disney e Nickelodeon), construíndo unha interesante oferta audiovisual que ten a difícil tarefa de competir con Netflix.
O servizo está xa dispoñible ofrecendo o primeiro mes de balde, o que sen dúbida animará a moitos espectadores a probalo, para explorar o seu interesante catálogo, así como para comprobar a experiencia de poder ver os primeiros títulos que se estrean de xeito simultáneo á súa estrea nos EE.UU., o que para moitos usuarios supón o dicir adeus ás descargas a través de P2P, xa que permite seguir series como Westworld a ritmo norteamericano, aínda que esta posibilidade gañará peso cando cheguen os novos episodios de Game of Thrones, o grande reclamo de HBO España.
Actualmente HBO España ofrécese mediante un único paquete que custa 7,99 euros/mes, co que permite gozar dos seus contidos en até 5 dispositivos diferentes e 2 streams simultáneos dende a mesma conta (equivalente ao paquete polo que Netflix cobra 9,99 euros/mes) e para a reprodución audivisual podemos empregar equipos informáticos, tabletas e smartphones con iOS e Android, o Apple TV e o Chromecast, quedando polo momento fóra destas posibilidades a Xbox One e a PlayStation 4.
A oferta de contidos de HBO España é bastante variada, con máis de 3.000 horas de material en alta definición, dende series orixinais de HBO como Silicon Valley, até clásicos modernos como Los Soprano, Sexo en Nueva York ou The Wire, así como producións modernas como DC’s Legends of Tomorrow, The Exorcist e Preacher. Tamén destaca a oferta de contidos familiares de Disney e Nickelodeon, non só pola boa selección de contido (con grandes éxitos como Dora, la exploradora, La Patrulla Canina ou Las Tortugas Ninja, xunto a filmes de Disney) senón polo feito de poder bloquear o servizo en HBO Family, para que os cativos da casa só poidan acceder a material que pode considerase seguro para eles.

HBO Family permite gozar dun espazo seguro para que os cativos poidan gozar de películas e series para toda a familia

Vídeo de lanzamento de HBO España

PUBLICIDADE