Cesa a produción da Xbox One S sen disco e da Xbox One X

venres, 17 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Hai algo máis dun ano Microsoft ousou a lanzar a Xbox One S All-Digital Edition, unha versión da Xbox One S sen unidade de disco, que para compensar esta carencia contaba cun disco duro de 1 TB. Esta consola, que oficialmente ten un prezo de 229,99 euros, chegou a venderse en varias ocasións a prezos tan baixos como 99 euros, de xeito que conseguiu certo éxito, buscando así afacer aos usuarios ás tendencias de futuro: os xogos en formato descargable e os servizos de subscrición.
Agora que sabemos que até a vindeira PlayStation 5 contará cun modelo sen disco, resulta evidente que Microsoft repetirá a xogada, e para evitar que no mercado haxa confusión cos distintos modelos están a deixar de fabricar a Xbox One S All-Digital Edition, de xeito que pouco a pouco deixaremos de vela nas tendas, o que tamén acontecerá coa Xbox One X, versión de alta gama da Xbox One que ten un prezo oficial de 499,99 euros, polo que solaparíase coas futuras Xbox One Series X, á vez que tamén podería confundir co seu nome, de aí que entendamos razoable que inicien a súa retirada anticipándose á chegada das novas consolas.
O remate das produción destes dous modelos de Xbox One dá a entender que finalmente chegarán ao mercado varios modelos de Xbox de nova xeración, sendo a Xbox Series X a que buscará converterse en referente, pero que podería chegar acompañada por unha rumoreada Xbox Series S máis económica, para que dar o salto de xeración sexa máis accesible que nunca. É de esperar que ao longo do verán saiamos de dúbidas sobre os plans de Microsoft a este respecto, xa que a baza do prezo das novas consolas segue a ser unha incógnita que os fabricantes queren manter para limitar a capacidade de reacción da competencia.

PUBLICIDADE