Chega ás tendas o agardado Gears of War: Ultimate Edition

venres, 28 de agosto do 2015 Marcus Fernández

A data que agardaban moitos usuarios de Xbox One por fin chegou, e o xogo Gears of War: Ultimate Edition xa está dispoñible para a súa compra e descarga, de xeito que este clásico para Xbox 360 por fin pode gozarse en consolas de nova xeración tras verse sometido a unha profunda remasterización e modernización e incluíndo 5 capítulos de campaña nunca publicados para consola.
A primeira entrega de Gears of War pode agora gozarse con gráficos a 1.080p e 60 cadros por segundo, con efectos de iluminación mellorados, personaxes máis detallados e escenas cinemáticas recreadas. Os modos multi-xogador tamén se enriqueceron, incluíndo Team Death Match, King of the Kill e 2v2, un modo especial de 2 contra 2 deseñado pola propia comunidade do xogo. O xogo tamén dá acceso prioritario á beta de Gears of War 4, xogo que chegará no inverno de 2016.
Pero para moitos o mellor desta edición definitiva de Gears of War non é só que facilite a recuperación dun título que marcou un antes e un despois nos shooters para consola, creando escola co seu sistema de coberturas, senón que tamén é moi destacable por ser o primeiro produto que vai tirar un proveito efectivo da retrocompatibilidade con Xbox 360 que vai estrear a Xbox One no outono, xa que ao mercar este novo xogo tamén se reciben en formato descargable a colección completa da saga para Xbox 360, de xeito que os 4 xogos orixinais poden gozarse sen a súa pertinente remasterización, pero contando cos elementos propios do xogo en Xbox One (como poder facer capturas de pantalla, gravar partidas e facer streaming dos xogos a un ordenador con Windows 10). Estes xogos só estarán dispoñibles sen custo adicional até o 31 de decembro.
Adicionalmente tamén é posible mercar este xogo en lote cunha Xbox One, que actualmente ofrécese ao prezo reducido de 369,99 euros (o que supón un aforo de 30 euros fronte a seu prezo habitual).

Ao mercar Gears of War: Ultimate Edition antes de rematar o ano recibiremos sen custo adicional a saga completa de Gears of War para Xbox 360

Tráiler de Gears of War: Ultimate Edition

PUBLICIDADE