Chega o Karaoke galego para revolucionar a campaña de agasallos de Nadal

luns, 20 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

JPEG - 80.9 KB
O Galeoke presentouse oficialmente na pasada edición do Culturgal

De estragar as cancións que fixeron outros, por que non facelo en galego? Esta é unha das máximas sobre as que se apoia o Galeoke, unha iniciativa que como se indica no seu propio nome encamíñase a achegarlle un punto realmente noso á práctica tan espallada de coller o micrófono e sentírmonos estrelas da canción sen ter ido antes nin tan sequera a unha breve sesión de canto. Segundo se conta na Rede, a versión galega do Karaoke chega esta semana ás tendas en formato CD para computador cun total de 16 cancións. Potencial non lle falta para converterse en agasallo estrela do Nadal: fomenta o lecer no mellor sentido da expresión, non ten un prezo de escándalo (vale 19,95 euros) e aínda por riba contribúe á preservación e coñecemento do noso. De feito, o CD inclúe un total de 16 cancións cen por cen galegas.
Os temas veñen de man de grupos e solistas como Uxía, Os Resentidos, Fuxan os Ventos, Treixadura, Os Diplomáticos de Monte Alto ou Lamatumbá. A maiores do devandito, a iniciativa ten outra vantaxe que non se pode deixar de lado: ao cantar na nosa lingua minimizamos as posibilidades de facer o parvo con idiomas de fóra, aínda que isto en ocasións (para que enganármonos) poida ter o seu punto.
Galeoke, que sae ás tendas cunha tirada de mil exemplares, é unha iniciativa do colectivo do mesmo nome, comprometido con encher ocos culturais e de lecer no que ao uso da nosa lingua se refire. En definitiva, din, que faltaba un xogo tipo karaoke que sacase a saudade que todas e todos levamos dentro, esteamos ou non esteamos na terra. Por certo que o xogo, porque se trata dun xogo máis que dun CD ao uso, empregouse software libre, máis polo miúdo o programa UltraStar Deluxe, que é unha ferramenta do concurso karaoke feita sobre códigos abertos e con certas semellanzas a Singstar.
O xogo, como avanzamos nesta web hai unhas semanas, sae á venda nos establecementos de discos galegos e a través de Toupa.net, a tenda en liña da nosa cultura. O CD é compatible con Windows XP/Vista/7, Mac OS X e Linux, partindo de configuracións bastante básicas, sendo a súa principal esixencia o contar cun micrófono para poder pór voz ao catálogo musical do Galeoke.

PUBLICIDADE