Cibercarracho, elixida Palabra do Ano 2023
mércores, 27 de decembro do 2023
Nesta
recta final de ano a
Real Academia Galega (RAG) achegounos
novamente
unha das nosas votacións preferidas na Rede: a elección da que
sería a palabra galega do ano. Este ano competían
os seguintes
termos: biodiversidade,
cibercarracho, cooficialidade, dereitos humanos, educación emocional e
feitiño.
Finalmente
a gañadora foi cibercarracho,
en palabras da RAG “un neoloxismo que tira do humor para alertar
dos riscos da ciberdelincuencia”.
Foi
a voz máis votada na iniciativa organizada pola Real Academia Galega
e a Fundación Barrié a través da páxina web (Portal das Palabras)
que promoven ambas as institucións para a divulgación do léxico
galego. Por certo que a RAG e a Barrié colaboran tamén na
aplicación de xogos do Dicionario
Ximnasio Léxico,
dispoñible de balde para dispositivos Android e iOS.
Ciberdelincuente
Segundo
lembran as dúas institucións, o
lema ciberdelincuente
figura dende hai un tempo no Dicionario
da Real Academia Galega para designar a persoa que comete un acto
delituoso por medio das Tecnoloxías
da Información
e da Comunicación
(as TIC),
pero, explican,
“a inventiva para sensibilizar sobre o problema dos ciberataques e
outros delitos informáticos creou nos últimos meses un neoloxismo
de rexistro coloquial que tira do humor para gañar eficacia neste
desafío: cibercarracho,. Finalmente foi este termo
o elixido como Palabra do
Ano 2023 e fíxoo
“nun momento en que grandes empresas de múltiples sectores e
institucións públicas e privadas de todo o mundo están a ser
obxecto de graves agresións deste tipo de delicuentes, que tamén
afectan cada vez máis particulares”.
O
vocábulo fíxose con máis do 40 por cento dos votos rexistrados na
votación organizada
dende o Portal das Palabras. A segunda voz máis apoiada foi feitiño,, con algo máis
do 30 % dos votos, seguida de biodiversidade,
dereitos humanos, educación emocional
e cooficialidade.
Cibercarracho
fórmase partindo do prefixo ciber-,
resultante do
acurtamento cibernético,
e o substantivo carracho,
que nomea un arácnido da orde dos ácaros do que existen varias
especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén
denominado carracha,
carraza, carrapato ou carrapata.
A
RAG e a Fundación Barrié engaden que “a
idoneidade de elixir este becho capaz de transmitir distintas
enfermidades para se referir a quen delinque dá conta o refraneiro,
que confirma a mala sona da que gozou tradicionalmente”. As
molestias e os danos que ocasionan as carrachas reflíctense en
proverbios como Gando
cativeiro, de carrachos cheo
ou Ano pobre e ovella
fraca, todo é carrachas.
E as calidades negativas que se lles atribúen tamén están
presentes nesoutro dito que se aplica a quen presume do que non ten:
Chufa, carracha, que
logo vén o verán!
O
novo termo Cibercarracho,
únese
á lista de palabras incorporadas ao Dicionario en
datas recentes relacionadas
cos
riscos das novas
tecnoloxías, entre elas
ciberdelincuente,
xunto a outras
formadas a partir do mesmo prefixo como ciberdelito,
ciberataque,
ciberseguridade
ou ciberacoso.
Cibercarracho, é a décima
Palabra do Ano en galego escollida na votación popular promovida
polo Portal das Palabras. Nas edicións anteriores fórono comadre
(2022), tanxugueiras
(2021), nós
(2020), sentidiño
(2019) deseucaliptización
(2018), afouteza
(2017), irmandade
(2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—,
refuxiado, (2015) e corrupción
(2014).